A RAG presenta a Guía dos apelidos galegos, unha ferramenta para facer doada a recuperación das formas propias
mércores, 29 de xaneiro do 2025
A Real Academia Galega protagonizou esta mañá un novo fito histórico-cultural da nosa terra, botando man (novamente) do potencial de difusión e convocatoria das novas tecnoloxías. Estamos a falar da presentación da nova Guía de apelidos galegos, unha ferramenta en liña con máis de 6.000 nomes de familia que abranguen aproximadamente o 95 % da poboación galega. Pode consultarse dende hoxe na páxina web da Real Academia Galega.
En palabras da institución, este recurso foi deseñado para “facilitar o coñecemento das formas propias e a súa restitución”, e para iso ofrece tanto “a forma estándar de cada un deles coma as non estándar coa equivalencia non deturpada”.
O buscador permite ademais descargar un informe do Seminario de Onomástica da RAG que acredita cal é a forma correcta daqueles apelidos alterados.
Segundo explicou a coordinadora da guía, Ana Boullón, “a reforma da Lei do rexistro civil de 1999 contempla que cun trámite moi sinxelo sexa posíbel a restitución dos apelidos galegos á súa forma xenuína, e coidamos que este recurso vai facilitar esta xestión”. Engadiu que “aínda que se calcula que o total de formas castelanizadas é aproximadamente só o 16 %, estas afectan a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que a súa visibilidade social é moito maior”.
A académica de número presentou este novo recurso canda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Freixanes fixo saber que “os apelidos son a crónica dunha estirpe, marcas de identidade nas que recoñecemos a propia liñaxe, a memoria da familia ou do clan. Detrás deles latexa a memoria do que somos. Estudar esa memoria significa coñecérmonos un pouco máis a nós mesmos, non tanto dende unha perspectiva particular ou individual, mais comunitaria e compartida”. Víctor F. Freixanes agradeceu o traballo do equipo redactor da Guía de apelidos galegos, do que forman parte canda Ana Boullón o académico de número Gonzalo Navaza e os académicos correspondentes Antón Palacio e Luz Méndez, todos eles membros do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Engadiron tamén que a nova guía en liña amplía de xeito significativo a de 1.500 apelidos que a RAG publicou, en papel e PDF, no ano 2016. O corpus no que se basea é o do Dicionario de apelidos galegos, no que está a traballar o mesmo equipo e que ofrecerá as etimoloxías e as distribucións xeográficas de cada forma, ademais de sinalar a documentación máis antiga. Estes recursos súmanse á Guía de nomes galegos, presentada en 2022 tamén en forma de buscador en liña.
Deturpación a partir do século XVI
Sinalaron que a deturpación dos apelidos comezou no século XVI, cando o galego foi desprazado da escrita. “Foi un proceso anárquico, no que formas como Méndez ou Mariño se mantiveron practicamente sen alteracións mentres outras como Outeiro foron moi castelanizadas. No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas 300 Outeiro”, pon como exemplo Ana Boullón.
A modificación dos apelidos para asimilalos ao castelán produciuse coa xeneralización dos rexistros, primeiro relixiosos e logo civís. Esta práctica afectou en maior medida aos nomes que aos apelidos, que xa eran hereditarios, pero a vontade de respectalos ou non dependeu en boa medida do escribente ou da institución. “A diocese de Tui, por exemplo, foi tremendamente castelanizadora”, conta a académica. O proceso de deturpación deixou rastro nos documentos que chegaron ata os nosos días, nos que queda constancia escrita de como moitos Afonso se converteron en Alfonso ou Alonso, os Regueira en Reguera ou os Outeiro en Otero. “Polo tanto, a abundancia de apelidos coma estes en Galicia, malia coincidiren coas formas correspondentes en castelán, non se deben, na súa maior parte, a apelidos casteláns asentados no país, senón a transformacións que sufriron as formas galegas”, aclara Ana Boullón.
Tipos de apelidos e cambios que documentan a tentativa de aculturación
Na presentación da guía tamén fixeron saber que os apelidos galegos parten dun conxunto léxico que se remonta, cando menos, á Idade Media, cando se comezaron a fixar como segundos nomes uns elementos que, nun primeiro momento cambiantes de xeración en xeración e despois hereditarios, se transmitiron ata os nosos días. Os máis comúns son os patronímicos, con orixe en nomes de persoa e rematados maioritariamente en -ez (Méndez, Estévez) e algúns en -s (Pais, Martís). Outros tamén moi frecuentes, os toponímicos, indicaban o lugar de residencia ou procedencia do portador (Castro, Outeiro, Chao, Piñeiro, Pazos...), e un terceiro grupo proceden de alcumes profesionais como Ferreiro ou refírense ás características dos portadores (Calvo, Crespo, Ledo, Louzao, Garrido...).
“Estes tres tipos de apelidos manifestan, pois, un tipo de relacións familiares, socioeconómicas, xeográficas e persoais que están na orixe das que rexen hoxe a nosa vida colectiva. Mais a forma en que se transmitiron algúns deles nos está a documentar a tentativa de aculturación que sufrimos como pobo desde o remate da Idade Media a través do proceso de castelanización”, sinalan os redactores da guía na súa presentación.
Tendo en conta as distintas maneiras rexistradas de castelanizar os apelidos galegos, a recuperacións das formas propias implica, por unha banda, restituír nomes de familia como Teixeiro, Seixo, Soutelo, Goiáns, Atáns ou Bustabade, que en moitas ocasións derivaron en híbridos como Teijeiro, Seijo, Sotelo, Goyanes. Para os apelidos toponímicos deturpados, a referencia para o seu restablecemento é o propio Nomenclátor de Galicia, mentres que noutros casos cómpre reverter castelanizacións de apelidos patronímicos como Martís, Afonso e Lourenzo, convertidos en Martínez, Alfonso ou Lorenzo; ou de formas léxicas como Neto, Dourado, Romeu, Mosqueira ou Vilar.
Boullón e Freixanes sinalaron que de igual xeito que nestes últimos casos a forma castelá “é na inmensa maioría das veces unha deturpación e non o indicador dunha orixe do portador fóra de Galicia”, a utilización das grafías
Canto ás formas dialectais, todas elas galegas, a listaxe de formas estándar respéctaas seguindo o mesmo criterio que se aplica na toponimia. Isto explica que poida haber solucións duplas como Bugueiro /Buxeiro, Eirexas / Igrexas, Fontán / Fontao, Louzán / Louzao, Casás / Casais, Pedrouzo /Pedrouso, Eiriz /Eirís etc.
A Guía de apelidos galegos é un traballo realizado co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.