A RAG presenta unha guía en liña de nomes galegos
luns, 18 de xullo do 2022
Ana
Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e e o
presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, presentaron
esta mañá na sede da institución A Guía de nomes galegos, un
traballo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coordinado por Ana
Boullón Agrelo. “A finalidade principal desta obra é dar a coñecer á comunidade
galega as formas estándares dos nomes persoais; esta ferramenta permitiralle
galeguizalos ou escollerlles nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”,
explica a académica de número.
“Con el a Academia culmina un proceso
que responde a unha demanda que dende hai tempo viñan facendo os nosos
usuarios: unha guía de nomes actualizada, documentada, que serve de orientación
para pais e nais que queren para os seus fillos e fillas nomes propios da nosa
cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica. Un servizo máis da RAG
á sociedade galega”, salienta o presidente.
A Academia agarda ofrecer tamén proximamente unha guía de apelidos, na que vén
traballando dende hai tempo o Seminario de Onomástica, ”igual que traballa na
actualización permanente do Nomenclátor”, engade Víctor F. Freixanes, en
referencia ao labor de estudo e preservación dos nomes da terra que desenvolve
a RAG.
A Guía de nomes galegos, un recurso en
liña coa forma estándar de máis de 1500 antropónimos que forman parte da
tradición galega, moitos deles dende a Idade Media, xa pode consultarse vía web.
A entrada de cada nome ofrece información etimolóxica, as equivalencias noutras
linguas, variantes e hipocorísticos, un mapa da distribución municipal
proporcionado polo Instituto Galego de Estatística e un apartado de motivación
que procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou a lenda de personaxes
que se chamaron así. O recurso complétase cunha listaxe de
nomes femininos e outra de
masculinos descargables.
