A RAG xa dispón dunha ferramenta cos nomes galegos das aves de Galicia e España

luns, 16 de decembro do 2024 S. P.

Os pasados días a páxina web da Real Academia Galega (RAG) estreaba unha ferramenta coas denominacións unificadas de máis de 600 especies diferentes de aves. Cómpre dicir que a nova sección é froito do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas e permite realizar procuras polo nome galego, o científico ou a familia á que pertence cada ave, acompañada en moitos casos de fotografías que reforzan o seu carácter divulgativo. A listaxe dálles preferencia ás denominacións patrimoniais, como: bubela, carrán, choia, corvo mariño, cotovía, mazarico, miñato, paíño, pardela, pega ou rola /rula. Corrixiu ademais castelanismos de propostas previas e para a toma de decisións tamén considerou formas existentes noutras linguas europeas, de maneira especial (aínda que non só) nas da nosa contorna cultural.
Nesta ferramenta participaron: o responsábel do Seminario de Terminoloxía, Manuel González González, coordinador do equipo académico da comisión que traballou na proposta unificada de nomes; e Silverio Cerradelo Gómez (A Chave, Galego, lingua de calidade) e Cosme Damián Romay Cousido (Grupo Naturalista Hábitat), coordinadores, xunto con X. M. Penas Patiño, do equipo de ornitólogos. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceu o traballo realizado polo equipo interdisciplinario composto por: Fernando Álvarez-Balbuena (Universidade de Oviedo), Silverio Cerradelo, Serafín J. González Prieto (Sociedade Galega de Historia Natural e Misión Biolóxica de Galicia), Rafael López Loureiro (Ao noroeste do Noroeste), Xosé M. Penas Patiño, Cosme Damián Romay, Jesús Taboada Martínez (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e mais, por parte da RAG, Marilar Aleixandre, María Dolores Sánchez Palomino, Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Manuel González. E a colaboración desinteresada de fotógrafos na cesión de imaxes de aves para a nova ferramenta web, realizada pola RAG co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. No buscador achégase ademais unha publicación en PDF que detalla os criterios metodolóxicos empregados, a bibliografía consultada e a listaxe.
A lingua galega é extraordinariamente rica en denominacións de aves e son moi frecuentes os casos de paxaros que se coñecen con varios nomes nas diversas zonas do territorio. Por iso a proposta que recolle o buscador ofrece un único termo estandarizado para cada ave, na liña dos traballos feitos noutros idiomas e vocabularios especializados, e atendendo a demanda do mundo da ornitoloxía, onde xurdiron desde os anos 70 do século pasado varias listas, redactadas unhas veces por persoas individuais e outras por colectivos.
Para a listaxe unificada consideráronse todas as denominacións patrimoniais das aves presentes na bibliografía lexicográfica galega e mais as recollidas por diversas persoas especialistas en ornitoloxía e filoloxía nas diferentes áreas do territorio de fala galega, incluído o coñecido como galego exterior de Asturias, León e Zamora. Nos casos en que foi preciso escoller unha forma patrimonial sobre outras, déuselles preferencia ás maioritarias no territorio galego.