A RAGC e GAIN distinguen á xornalista Mila Méndez polo seu traballo sobre a revolución informática galega

venres, 9 de xuño do 2023 S. P.

A oitava edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2023 xa ten gañadores. O certame, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ten como obxectivo galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal).
Os premiados desta edición foron a xornalista Mila Méndez Otero coa reportaxe La revolución silenciosa de los informáticos, publicada o 23 de outubro de 2022 no diario La Voz de Galicia e José Luís Jiménez Díaz coa reportaxe Explorar el poder curativo de la música, publicada no diario ABC o 17 de setembro de 2022.
O xurado salientou da reportaxe de Mila Méndez o feito de que “aborda en profundidade e dun xeito obxectivo a concentración de empresas do sector TIC na Coruña e a súa área de influencia, empregando unha linguaxe clara e directa, que atrapa o interese do lector desde o comezo e manteno ao longo das dúas páxinas, empregando un estilo ameno e fluído”. Dende a Academia remarcan que con esta reportaxe a xornalista “contribúe a divulgar un aspecto pouco coñecido da ciencia desenvolta nos centros de investigación e nas universidades galegas: a transferencia dos resultados ao mercado a través da creación de spin-offs”. A galardoada recibirá unha dotación de 3.000 euros.
En canto ao segundo traballo mellor valorado, a reportaxe de José Luís Jiménez Díaz, valorouse que se trata dun “traballo xornalístico que dá a coñecer un proxecto de investigación realizado en Galicia, a través dun enfoque curioso -a toma de mostras á entrada e saída dun concerto-“. Aborda o proxecto Sensogenomic, desenvolto por un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que pretende medir a resposta xenética do ser humano aos estímulos musicais co fin de estudar o potencial terapéutico da música. O galardoado recibirá unha dotación de 1.000 euros.
Cómpre dicir que os premios entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro 21 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago, estando o xurado desta edición composto pola secretaria da RAGC, a académica Pilar Bermejo, que actuou como presidenta; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; Luís Manuel Villamor, doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; a directora da Área de Centros de GAIN, María José Mariño; e a técnico da Área de Programas de GAIN, Silvia López.

PUBLICIDADE