A RAGC e a GAIN convocan a 9ª edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2024
luns, 18 de marzo do 2024
Dende a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), anuncian este 18 de marzo a celebración da novena edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2024. Celia Brañas, nada na Coruña (1880-1948), foi pioneira na incorporación da muller á cultura científica e exerceu un notábel labor divulgativo.
Este galardón está encamiñado a recoñecer unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de maio de 2023 e o 14 de abril de 2024 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser unha nova, crónica ou reportaxe, sendo excluídas as entrevistas e os artigos.
A RAGC afirmaba que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a mellorar o desenvolvemento económico e o benestar social dun país, para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.
Indo ao miolo do certame, os traballos poderán centrarse en calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolta en Galician: achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación,
posíbeis aplicacións dos resultados da investigación ou mesmo casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado. Poderá concorrer a este premio calquera xornalista, a título individual ou en equipo, que desenvolva a súa actividade en medios de comunicación de Galicia ou en edicións galegas de medios estatais, e poderanse presentar un máximo de tres traballos por candidato individual ou colectivo.
A participación será tramitada de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñíbel nas páxinas web da Real Academia Galega de Ciencias e da Axencia Galega de Innovación. Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril e o prazo de presentación dos mesmos remata o 15 de maio. A dotación do premio será de 5.000 euros e concederase un accésit sen dotación económica para o segundo traballo mellor valorado.
Para información con máis detalle e bases do concurso cómpre ir á web da RAGC, na sección dos Premios Celia Brañas.