A Rede CICERO coordinada por Gradiant consolidouse como peza clave da ciberseguridade en España

luns, 26 de maio do 2025 S. P.

O proxecto CICERO (Contramedidas Intelixentes de Ciberseguridade para a Rede do Futuro) culminou a semana pasada o seu percorrido, posicionando a España como referente en investigación aplicada á ciberseguridade. Liderada por Gradiant e na que participan CEIT, Fidesol, i2CAT e ITCL, esta Rede de Excelencia Cervera impulsou o ecosistema industrial “cun salto cualitativo no desenvolvemento de tecnoloxías punteiras de identificación, protección, detección, resposta e recuperación”, explicou o centro tecnolóxico vigués, engadindo que o proxecto culminouse “con éxito”.
Cun investimento de 3,5 millóns, 113 investigadores altamente cualificados, 31 publicacións científicas e a participación en máis de 150 actividades formativas e eventos técnicos, CICERO foi quen de situar “os centros tecnolóxicos que o forman como referentes en I+D dentro das tecnoloxías de ciberseguridade”, apuntou Gradiant, engadindo que “os socios da Rede Cervera rexistraron 7 activos tecnolóxicos e iniciado 9 proxectos internacionais, consolidando o seu posicionamento a nivel nacional e internacional”.
Recoñecido como Rede de Excelencia CERVERA, CICERO está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
Segundo sinalaron dende Gradiant, un dos principais logros da Rede CICERO foi contribuír á transferencia de cibertecnología ao sector industrial, a través da execución de oito proxectos FARO (o dobre do inicialmente previsto) en colaboración con empresas líderes de sectores estratéxicos como o industrial, as telecomunicacións ou en contornas IoT (siglas de Internet das Cousas), o que permitiu “validar en contornas reais as tecnoloxías desenvolvidas en CICERO, demostrando non só a súa viabilidade técnica, senón tamén a súa aplicabilidade directa en empresas, impulsando a súa madurez tecnolóxica e o seu potencial de transferencia ao mercado”, apuntou Gradiant.
Estes proxectos FARO centráronse nos catro eixos fundamentais da ciberseguridade dentro de CICERO: identificación, protección, detección, resposta e recuperación. Grazas a iso, impulsáronse tecnoloxías honeypots intelixentes, análise automática de vulnerabilidades e ferramentas de ciber-intelixencia para anticipar ameazas. Tamén se crearon solucións de seguridade para redes, sistemas ciberfísicos e contornas virtuais, así como innovacións en criptografía e privacidade. Ademais, deseñáronse sistemas capaces de detectar anomalías en tempo real mediante Intelixencia Artificial, e tecnoloxías para responder rapidamente a incidentes, recuperando a operatividade de forma segura.
Outra cuestión fundamental foi a colaboración e as sinerxías xurdidas para maximizar a innovación e o impacto socioeconómico, potenciando a transferencia tecnolóxica efectiva a través de distintos ámbitos de investigación, así como a creación de mecanismos para protexer a propiedade intelectual xerada.
“A finalización de CICERO non só marca o éxito dun proxecto colaborativo do ecosistema nacional de centros tecnolóxicos, senón tamén o fortalecemento da investigación en ciberseguridade en Europa. Entre todos, desenvolvemos solucións avanzadas que non só responden os retos actuais, senón que tamén anticipan os desafíos do futuro” explicou Juan González Martínez, director da área seguridade e privacidade en Gradiant e coordinador de CICERO.