A Rede de Dinamización Lingüística alcanzou máis de 400 actividades e 202 entidades participantes neste 2020

xoves, 31 de decembro do 2020 Pedro Pérez

JPEG - 182.1 KB
O secretario xeral de Política Lingüística nunha imaxe de arquivo no Pazo de San Roque

O ano 2020 foi moi difícil en moitos eidos, pero non privou á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) de desenvolver un importante labor na visualización e extensión do uso da lingua galega que se reflexa en máis de 400 accións de promoción do uso social do idioma desenvolvidas nas súas identidades. Unha parte destas accións desenvolveuse a través das novas ferramentas dixitais, en parte polas vantaxes comunicativas que estas ofrecen, en parte pola seguridade e as garantías de distanciamento que achegaron en tempos de pandemia.
En concreto, a RDL, dependente da Secretaría de Política Lingüística, pechou o ano cun total de 424 actividades de dinamización da lingua e da cultura galegas, das cales 459 se materializaron en espectáculos e artes escénicas (con 240 representacións teatrais e 119 concertos) e 65 noutros formatos culturais (exposicións, roteiros literarios, encontros temáticos ou presentacións). A maioría destas accións enfocáronse principalmente na promoción do uso do galego na nenez e na familia, na transmisión interxeracional do galego ou no uso do idioma desde o lecer.
Tras un gran ano, a pesares de todas os obstáculos, o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, aproveitou para presentar as liñas de traballo para 2021. Deste xeito, as actuacións terán como finalidade incrementar o uso que a mocidade fai do galego, a posta en valor da nosa lingua como vehículo de comunicación e activo empresarial no ámbito da lusofonía, na difusión da riqueza toponímica de Galicia e na visibilidade do idioma e da cultura galega no Camiño de Santiago, no marco da celebración do Xacobeo 2021.
Participación directa do Concello da Pobra
Como dixemos, estes e outros datos foron achegados durante o encontro anual das entidades participantes (concellos, deputacións, mancomunidades, asociacións, o Goberno galego) no Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística.
Canda Valentín García e os outros representantes da Administración autonómica, tomaron parte na sesión outros 30 responsábeis dos concellos da Estrada, Boqueixón, Bande, Viveiro, Lalín, A Coruña, Ames, Valga, Narón, Mondoñedo, A Pobra do Caramiñal, Cariño, Marín, Cuntis, Cedeira, Quiroga, Outes e Vilamarín, así como das deputacións da Coruña e Ourense e mais do Liceo de Ourense. Tamén participou na reunión ordinaria anual a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
Na sesión, ratificouse a entrada na RDL dos concellos do Corgo, Monterrei e da Pobra de Trives, co que o número total de entidades participantes no proxecto de promoción social do galego desde o ámbito local se sitúa arestora nos 202 (entre concellos, deputacións, mancomunidades, asociacións, fundacións, Consello da Cultura Galega, FEGAMP...).

PUBLICIDADE