A Rede de Innovación de Arteixo achegará formación e asesoramento tecnolóxico a unhas 80 empresas locais
xoves, 20 de febreiro do 2014
A Rede
de Innovación (RdI) de Arteixo, programa de apoio a PEME e
emprendedores impulsado polo Concello local e Escola de Organización
Industrial (EOI), foi presentada esta maña na localidade galega. Na
cita cos potenciais interesados en adherirse a esta iniciativa do
concello coruñés, lembróuselles que a RdI vai achegar entre outras
cousas ferramentas de balde para dinamizar o tecido empresarial e
situar ao municipio “como referente socioeconómico e industrial”.
Informóuselles tamén que dende este mes ata xaneiro de 2015
impartiranse 50 obradoiros de prospectiva e innovación. En total,
arredor de 80 empresas poderán participar en consultorías
personalizadas. O resultado final será a execución dun plan de
reconversión para o aproveitamento das fortalezas de cada negocio.
A cita foi no Centro
Arteixo Innovación. A presentación da RdI, un proxecto cofinanciado
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo
Ministerio de Industria, estivo presidida por Manuel Padín,
concelleiro de Promoción Económica; e Javier Benito, director da
área de Desenvolvemento de PEME da EOI. O alcalde, Carlos Calvelo,
foi o encargado do pechar o acto.
Como dixemos, o obxectivo
desta iniciativa é identificar posibilidades de mellora para
promover a innovación tecnolóxica e sustentable nas empresas do
concello, “xerando novas oportunidades de negocio”. As
actividades formativas e de divulgación que se van pór en marcha
serán de balde e desenvolverase de xeito interactivo, “buscando a
excelencia e con arela de permanencia”. O obxectivo é que ao
rematar as accións sexa o propio sector industrial e empresarial
local o que demande este tipo de servizos.
A elección de Arteixo
débese, informaron, “a que a día de hoxe é o concello da
provincia con meirande volume empresarial”. De feito, engadiuse,
“moitas das compañías asentadas no territorio xa salienta por
contar cun elevado nivel de innovación e creación de produtos
excelentes”. Lembrar que na provincia da Coruña, EOI mantén
aberto un proxecto de características semellantes denominado
Factoría de Innovación. “O concello”, díxose no acto “ten
capacidade para liderar a competitividade no sector de pequenas e
medianas empresas”.
Amais de cursos, a
actividade programa inclúe traballos de asesoramento
individualizado. Nestes labores identificaranse necesidades
tecnolóxicas e de innovación en áreas crave e estableceranse
propostas de mellora e aproveitamento das fortalezas para cada
proxecto. A sede física da RdI está situada, e en funcionamento, no
Centro Arteixo Innovación. Dende a
web da Rede de Innovación poderanse realizar trámites en liña
como a inscrición na Rede ou nos obradoiros. O proxecto tamén está
presente en redes sociais Facebook, Twitter e LinkedIn.
