A Rede de Parques Científicos de Galiza, presentada como unha solución para a crise económica
luns, 21 de xullo do 2008

- Anxo Quintana, Teresa Táboas e Fernando Blanco na presentación da Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos de Galiza
No marco da presentación da
Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos de Galiza, que tivo lugar
hoxe en Santiago de Compostela,
o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, referiuse ao Sistema Galego
de Innovación como “un antídoto” contra a crise económica
derivada da dependencia excesiva do sector construtivo e do negocio
inmobiliario, que non van todo o ben que deberían.
Neste acto, Quintana, recalcou
a aposta da Xunta de Galicia por consolidar un modelo económico alternativo,
“máis sólido e diversificado”, que permita medrar de xeito
sustentable (cunhas empresas máis competitivas) a economía galega,
a través da creación de emprego de calidade. A base sobre a que se
está a construír ese modelo alternativo é, segundo apuntou Anxo Quintana,
o Sistema Galego de Innovación, que supón
“unha aposta pola formación, a investigación e a innovación aplicadas
aos sectores produtivos tanto tradicionais como vangardistas”.
A devandita Rede de Parques
Científicos e Tecnolóxicos presentada esta mesma mañá na capital
galega está formada por 5 parques, distribuídos polas catro provincias
e totalmente integrados cos sectores produtivos máis importantes de
cada zona. Esta iniciativa é unha actuación da Consellaría de
Innovación e Industria
enmarcada no Plan Galego de I+D+i que ten como obxectivo, entre outras
cousas, transformar o potencial de Investigación e Desenvolvemento
latente nas empresas galegas en resultados comerciais e facilitar o
acceso das empresas ás tecnoloxías máis innovadoras que hai na actualidade.
Trátase do Parque Tecnolóxico
de Galiza (Tecnópole), en Ourense; da Cidade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi);
o Parque Tecnolóxico de Lugo; e os Parques Tecnolóxicos e Científicos
de Santiago e da Coruña. A Rede irase pondo en marcha progresivamente
entre os anos 2008 e 2012, e suporá unha mobilización de 435 millóns
de euros para todo o período, con 2 millóns de metros cadrados de
solo tecnolóxico que acollerán a máis de 550 empresas e a coa creación
de 6.600 empregos directos.
No vindeiro mes de outubro
procederase á constitución formal da Rede, que inicialmente incluirá
aos tres primeiros parques xa creados: o Tecnópole e os parques de
Vigo e da Coruña, e a finais de ano integraranse os dous restantes,
coincidindo coa creación dos seus entes xestores. Asemade, a Rede seguirá
aberta á incorporación de novos parques, sempre e cando reúnan as
condicións de dinamizadores da I+D empresarial do seu contorno.
As iniciativas empresariais
que desexen instalarse neles deberán ser admitidas por un comité de
expertos externo ao parque, que avaliará o seu proxecto e velará porque
a súa actividade se axuste á tipoloxía do parque, que, en todo caso,
deberá de ser de base tecnolóxica. Así mesmo, as sociedades xestoras
destes parques están constituídas por entidades públicas e privadas,
tales como universidades, centros tecnolóxicos, Administración e empresas.
Rede de cinco
En tódolos parques que forman
a devandita Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos da nosa comunidade,
estarán presentes as catro tecnoloxías transversais importantes para
a I+D en Galiza. Son os sectores da biotecnoloxía, da nanotecnoloxía,
da enerxía e das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
Todas elas terán unha presenza preferente á doutros sectores, aínda
que cada parque contará cunha determinada especialización.
Deste xeito, o Tecnópole,
situado en San Cibrao das Viñas (Ourense), acollerá a sé da Rede
e a súa experiencia servirá para asesorar e coordinar a súa posta
en marcha. Conta actualmente cunha superficie de 550.000 m2,
aos que se engadirán outros 430.000 m2 trala ampliación
prevista. En 2012, a estimación do número de empresas que acollerá
ascende a 180. Estas contarán cuns 3.000 empregados e unha facturación
de 200 millóns de euros. Ao funcionar dende 1993 o espectro de empresas
deste parque é bastante amplo, pero predominan as do sector enerxético
(solar e eólico) e do bioagroalimentario.
A Cidade Tecnolóxica de Vigo
(Citexvi), cunha superficie de 350.000 m2, acollerá
en 2012 a un cento de empresas, con 1.000 empregados e 100 millóns
de euros de facturación. As súas áreas de especialización estarán
baseadas nos sectores de telecomunicacións, eficiencia enerxética,
automoción e tecnoloxía de materiais.
O Parque Tecnolóxico de Lugo
disporá dunha superficie de 300.000 m2. En 2012 calcúlase
que serán 75 as empresas situadas nel. Darán emprego a 600 traballadores
e traballadoras e suporán unha facturación de 50 millóns de euros.
A especialización deste parque estará dirixida ao sector agrogandeiro.
O Parque Tecnolóxico e Científico
de Santiago de Compostela contará cunha superficie de 500.000 m2.
Albergará a 100 empresas en catro anos, cun milleiro de empregados
e 75 millóns de euros de facturación. O seu campo de especialización
serán as iniciativas relacionadas coa biotecnoloxía médica e coa
produción audiovisual.
O Parque Tecnolóxico e Científico
da Coruña terá 300.000 m2 de superficie que acollerán
a un cento de empresas, con 1.000 empregados e unha facturación de
75 millóns de euros. O seu campo de especialización fundamental será
o desenvolvemento de software e a enxeñería civil.
