A Rede xa é o primeiro medio para a compra de entradas dos galegos

luns, 26 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

Segundo veñen de anunciar as dúas principais operadoras da nosa comunidade (Caixanova e Caixa Galicia), Internet xa é, a día de hoxe, “o principal medio de venda de entradas de actividades culturais no noso país”, ao superar ao teléfono e á adquisición tradicional que se viña facendo no mesmo lugar da función ou espectáculo.
Ao parecer, os servizos en liña de venda de entradas foron cambiando ao longo dos últimos oito anos, do teléfono á Rede, até 2008, cando preto do 60 por cento dos tickets vendidos a distancia foron solicitados a través de Internet.
Caixanova e Caixa Galicia aseguran que ao longo do pasado ano o número de entradas vendidas en liña ficaron lixeiramente por debaixo das 500.000, “superando amplamente á venda telefónica, que ata hai tres anos foi o método fundamental de compra anticipada de entradas”.
Durante o ano 2008, Caixanova despachou preto de medio millón de billetes para diversos espectáculos e do total, o 60 por cento foron vendidos pola Rede.
No mesmo período, Caixa Galicia vendeu a través da súa web algo máis de 161.000 entradas, sen contar con eventos especiais como os deportivos; o que supón o 55 por cento do total das súas vendas.
O sistema de ámbalas dúas entidades é semellante aínda que, segundo vén de anunciar o xornal galego Lavozdegalicia na súa edición dixital, “difiren na oferta, posto que Caixa Galicia inclúe cine e Caixanova non”.
O mesmo xornal afirma que a competencia entre a Rede e máis o teléfono comezou no 2004, “ano no que as vendas virtuais supuxeron o 25 por cento dos totais de teletaquilla”.
Dende ese ano, as vendas de entradas en liña subiron como a escuma e as cifras non deixan de medrar aínda na actualidade debido, sobre todo, ao prezo reducido deste tipo de adquisicións que benefician tanto ao público como aos responsables de cada evento.

PUBLICIDADE