A Seguridade Social seguirá afondando no camiño da transformación e a automatización

luns, 8 de agosto do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou o pasado venres a sede da Seguridade Social en Lugo e xunto co director provincial do instituto, Juan José Rodríguez Gude, deu a coñecer as vindeiras iniciativas de transformación tecnolóxica da entidade. A visita orientouse a comprobar os traballos realizados nas últimas semanas para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e a reordenación dos espazos de atención ao público. Isabel Rodríguez fixo saber que a Seguridade Social está a apostar forte por fomentar o uso da páxina web e a automatización nas súas oficinas. O director, pola súa banda, puxo en valor “as facilidades que ofrece a informática para facer trámites coa entidade de forma eficaz”, sen excluír a colectivo algún e sen agravar as fendas dixitais. Porén, recoñeceu que as TIC seguen a ser unha barreira importante para moitas áreas sociais, polo que proseguirase achegando atención presencial mesmo sen cita previa.
Proceso de automatización integral
As automatizacións, sinalaron, abranguen non só aos servizos achegados polo instituto, senón tamén ao propio persoal. O envellecemento do funcionariado na provincia lucense, cunha media de idade de 58 anos, “aveciña unha onda de xubilacións”, sinalou o director provincial, indicando que nos últimos tres anos, o persoal do servizo da Tesourería viuse reducido nun 25%, mentres que no INSS rolda entre o 5 e o 10%. “Para compensar esa perda de persoal, moitos dos labores máis rutineiros pasaron a depender das novas tecnoloxías”.
Xunto á automatización de certas tarefas, o plan de renovación tamén se apoia na convocatoria extraordinaria este ano de prazas de funcionarios da Seguridade Social, ademais da contratación de interinos para tarefas concretas.
Nese proceso de renovación, o edificio da Avenida de Madrid únese á aposta polo aforro enerxético. A iluminación foi substituída por focos LED. Tamén se incluíron sensores de movemento e reguladores de intensidade que permiten axustar o uso de luz. Estes cambios supoñen unha baixada do consumo xeral de 250.000 watts a 63.000, explicouse na visita de Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno.
Isabel Rodríguez felicitou ao director provincial da Seguridade Social por impulsar medidas para o aforro enerxético, porque “as administracións públicas deben dar exemplo na redución do consumo enerxético” e, tamén, “pola súa sensibilidade para dar a mellor atención posíbel aos cidadáns, con iniciativas como a remodelación destas zonas de atención ao público e o esforzo realizado nos últimos anos para a modernización da rede de oficinas de atención aos cidadáns na provincia”.


PUBLICIDADE