A TVG conectará coa súa canle de Twitch ao remate de Bamboleo

venres, 28 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

A candidatura das Tanxugueiras para representar a España no Festival de Eurovisión está a ter unha grande resposta social, e tamén a CRTVG está a apoiar a posibilidade de que unha canción en galego poida representar a España nunha competición internacional, como quedou constancia o pasado mércores pola noite coa retransmisión do primeiro especial #TanxuFesta a través de Twitch, no que comentaron en directo a semifinal do Benidorm Fest.
Pero a final do Benidorm Fest vai ter unha cobertura aínda máis especial, xa que Carlos Amado e Esther Estévez desprazáronse até Benidorm para poder narrar máis de preto o que alí está a acontecer, e non só poderá seguirse esta nova #TanxuFesta a través de Twitch, xa que ás 0:05 horas este directo poderase seguir tamén pola Radio Galega e, a partir da 1:15 horas a TVG fará o mesmo, sendo a primeira vez que un directo de Twitch pode verse simultaneamente pola Galega.
A primeira #TanxuFesta foi un evento en liña de records para a TVG, tanto polo número de convidados que participaron no streaming, como polo seguimento que tivo na Rede, chegando a viralizarse algún dos seus mellores momentos.

PUBLICIDADE