A Tecnópole mostrará ante as mozas as posibilidades profesionais da IA, a 5G ou a computación cuántica

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) participa no proxecto estatal Ciencia e Tecnoloxía en feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas), debido a que “a súa participación nestas materias segue a ser baixa”, informa a Tecnópole.
No marco deste proxecto, que cumpre a súa sexta edición,, e coincidindo coas actividades do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (o pasado 11 de febreiro), a Tecnópole vai celebrar dúas xornadas, a primeira mañá xoves, 15 de febreiro, e a segunda o vindeiro luns día 19.
As alumnas participarán en obradoiros que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino. Os talleres impartiraos Patricia Barciela, directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses.
Os talleres centraranse na nutrición en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da ONU, de cara a poñer fin á fame e á malnutrición. Abordaranse temas que van desde a fame cero e o fin da pobreza ata a educación neste eido para lograr un planeta máis respectuoso co medio natural. Así, a rapazada aprenderá a identificar os grans dos cereais máis consumidos no mundo (trigo, avea, millo, espelta, arroz, paínzo, cebada e centeo), ao tempo que valorarán a importancia de consumir froitas e verduras. Tamén se converterán en cociñeiros e cociñeiras, experimentando coa gastronomía molecular, que estuda os cambios físicos e químicos que sofren os alimentos ao cociñalos; partindo do feito de que certos ingredientes producen determinadas reaccións, elaborarán falso caviar con alginato de sodio.
Nestas xornadas convidarase a mulleres que traballan no eido da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia persoal, explicando por que decidiron elixir unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas.
As profesionais que intervirán son Marta Otero, doutora en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago, que traballa como técnica de I+D no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, situado en Tecnópole; e Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora e tamén directora e responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus Calidad Forestal.
Aos rapaces e rapazas presentaránselles algunhas problemáticas existentes no Parque relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesíbel e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… “A finalidade é que poidan deseñar un proxecto que sirva como solución a un problema concreto”, explican dende a Tecnópole, engadindo que “unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviarán a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid no mes de abril”.
Os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino recibirán dúas guías. Por unha banda, a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais de diversas carreiras científicas e tecnolóxicas, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo, como a cadea de bloques (blockchain), a análise da información a gran escala (Big Data), a Intelixencia Artificial, a 5G, a ciberseguridade, a computación cuántica.
Mulleres referentes para as novas xeracións
O alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes no eido da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e a mostra Mulleres que cambian o mundo, na que se destacan a aquelas profesionais do ámbito do Parque Tecnolóxico de Galicia que na actualidade están a desenvolver un importante labor nestes eidos.

PUBLICIDADE