A Tecnópole recibe a exposición As mulleres que nos levaron á Lúa
mércores, 2 de febreiro do 2022
O
Parque Tecnolóxico de Galicia, en colaboración coa Asociación de
Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, acolle
estes días a exposición As mulleres que nos levaron á
Lúa, que poderá visitarse até mediados de febreiro en
Tecnópole (na entrada do edificio CEI). Forma parte do proxecto
Ciencia e Tecnoloxía en feminino, e ten como principal
obxectivo lograr que aumente a proporción de alumnas que elixen
especialidades de Ciencias ou Tecnoloxías, e consecuentemente,
carreiras da rama científica ou matemática.
A
iniciativa está promovida por Nieves Lorenzo e Inés Álvarez,
profesoras do Campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de
Santiago; e Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”, a
ilustradora da exposición. Esta está formada por doce paneis con
textos e ilustracións onde aparecen os nomes, biografías, e os
logros das mulleres que hai 50 anos foron pezas clave para o éxito
da misión do Apolo XI e chegada da primeira persoa á Lúa. Os
logros van dende preparar os cálculos da traxectoria, ata a mesma
alimentación dos astronautas, pasando pola programación dos
ordenadores que levaba a nave. Nomes como Annie Eeasley, Jeanne Lee
Crews, Mary Sherman ou Rita Rapp.
As
promotoras desta idea, sinalan que con este proxecto pretenden axudar
a rachar cos estereotipos sexistas que aínda hai na sociedade, así
como contribuír a aumentar a representación e participación
feminina nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, científico
e matemático da nosa sociedade.
O
Parque Tecnolóxico de Galicia tamén incorporará unha serie de
vídeos protagonizados por mulleres científicas e tecnólogas que
traballan en Tecnópole. Marta Otero e Marta Antolín son dúas das
protagonistas destes vídeos, sendo a primeira doutora en Física e
técnica de I+D e a segunda enxeñeira superior de telecomunicacións.
Mediante estes vídeos preténdese animar ás rapazas a estudar
materias científicas e tecnolóxicas.
- Marta Otero e Marta Antolín