A Tecnópole reivindicou ante as nosas estudantes a aventura da ciencia e a tecnoloxía

venres, 11 de febreiro do 2022 S. P.

No marco do proxecto da APTE Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) celebrou esta semana unhas xornadas para estudantes de primeiro a cuarto da ESO e dos últimos cursos de Primaria. Fíxoo coincidindo coa celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora este venres 11 de febreiro.
Nas xornadas convidouse a mulleres que traballan nos eidos da ciencia e a tecnoloxía e que relataron a súa frutífera e apaixonante experiencia co fin de convidar ás rapazas a elixir estudos neste ámbito. A mesa estivo moderada por Patricia Barciela, directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses, que colabora ademais nestas xornadas impartindo obradoiros científicos.
Unha das profesionais que interveu foi Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia en investigación científica e innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora e directora da empresa Madera Plus Calidad Forestal. Na súa intervención puxo de relevancia que “cómpre romper prexuízos, rachar cos estereotipos a través da educación nos centros educativos e nas familias”. E engadiu: “A capacidade intelectual dunha persoa non depende do xénero, senón das aptitudes de cada un. Temos que elixir unha profesión acorde coas nosas aptitudes. As mulleres deben sentirse libres para tomar esta decisión, sen que se vexan afectadas por clixés. Ademais, creo que as mulleres temos un sexto sentido no ámbito da investigación”.
Tamén participou Lucía Novelle, enxeñeira superior de Minas, socia da firma de enerxía xeotérmica Ingeo, secretaria da Asociación Clúster da Xeotermia Galega e integrante do grupo de traballo de AENOR para a elaboración da normativa no campo da enerxía xeotérmica. Salientou a importancia de “quitar o medo que hai a este tipo de estudos. Se a alguén lle gustan as materias de Ciencias na ESO e no Bacharelato, ten que saber que a carreira é só unha prolongación. Aínda seguen a soar como que non son estudos para rapazas, a pesar de que sacan mellores notas”. Nesta liña, referiuse a unha “falta de visibilización das mulleres en carreiras técnicas. Por que é normal unha muller médico e non unha enxeñeira? Son profesións de moito futuro e, como as rapazas se queden agora descolgadas, a brecha abrirase aínda moito máis”.
Contouse ademais coa participación neste encontro de Patricia Alonso, bióloga experta en sistemas de calidade, medio ambiente e alimentación, que na actualidade ocupa o posto de directora do laboratorio de Akunatura. Explicou aos estudantes que ela sempre se guiou polos seus coñecementos. Por iso animounos dicíndolles: “Se tedes un obxectivo claro seguide por aí, non teñades medo ao fracaso. En 2007 entrei en Akunatura e desde hai dous anos son a directora, traballei moi duro para chegar onde estou pero dá igual ser home ou muller, o importante é a valía”.
Durante tres días o alumnado participante nestas xornadas tivo a oportunidade de achegarse á ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, a través dunha serie de obradoiros. Ademais, puideron coñecer as saídas profesionais dunha trintena de titulacións no eido das ciencias e a tecnoloxía. E fixeron un percorrido polas exposicións que se poden ver estes días en Tecnópole vencelladas a mulleres históricas e actuais que son referentes nestes eidos.