A UDC apoia a Mobile Week Coruña con charlas, mesas redondas e obradoiros

mércores, 21 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Comezou a Mobile Week Coruña, o gran acontecemento tecnolóxico da tempada, a nivel galego, estatal e internacional, e unha das cousas máis salientábeis do evento é a súa importante capacidade de mobilización e implicación. De feito, nela participan, con apoios económicos e actividades, máis de 60 empresas e institucións. Unha das máis sobranceiras é sen dúbidas a Universidade da Coruña, que hoxe lembrou a gran listaxe de accións coas que contribúe, un completo programa de charlas, demostracións, mesas redondas e obradoiros para todos os públicos.
Para comezar, o xoves 22 de novembro, o Campus Innova (Universidade da Coruña) celebrará o evento Realidade virtual, aumentada e mixta. Realidades de hoxe no espazo de intervención cultural NORMAL. O obxectivo do evento, que contará cunha zona expositiva con demostrábeis e cunha xornada de tarde con workshops e charlas, é analizar casos prácticos de éxito que están a axudar no presente en accións cotiás do día a día e analizar as perspectivas de futuro destas novas realidades. Para iso contará coa colaboración de diversas empresas e entidades entre as que se encontran Kabel, Duacode, Xoia, Isostopy, Mobgen e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do CIS Galicia.
Un día máis tarde, a Facultade de Informática da UDC acollerá o venres 23 de novembro no seu salón de actos, a mesa de debate Comunicación e democracia que contará coa presenza activa, entre outros, dos investigadores Amparo Alonso e Guillermo López Taboada e abordará asuntos de actualidade como as novas falsas que proliferan ao abeiro das redes (as fake news).
Sen marcharmos da FIC, o sábado 24 de novembro a facultade será o escenario do obradoiro A hora do código. Aprendendo a programar, unha actividade dirixida a nenos e nenas que achegará a programación de computadores “dunha forma natural, simple, intuitiva e divertida”, segundo vén de informar a organización, que lembra que na xornada do sábado, a Fundación Barrié acollerá a mesa de debate Futuro dixital, para tod@s? na que participará Susana Ladra, profesora da Facultade de Informática da UDC e directora do Campus Innova.
Pola súa banda, o paraninfo da Reitoría acollerá na tarde do sábado dúas charlas que reflexionarán sobre a ética e a tecnoloxía con participantes como Nieves Rodríguez Brisaboa, directora do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD).
Ademais, o Centro de Investigación CITIC organiza e acolle ao longo de toda a semana diversos obradoiros de robótica e Intelixencia Artificial, tal e como reflectimos hoxe mesmo dende Código Cero.
A Universidade da Coruña recorda que todas as actividades son de balde, aínda que é precisa a inscrición previa a través da páxina web da Mobile Week Coruña onde poden tamén consultarse todos os detalles do amplo programa.

PUBLICIDADE