A UDC estrea unha plataforma de educación en aberto
martes, 31 de xaneiro do 2023
A
Universidade da Coruña estrea unha plataforma de educación en formato MOOC
na UDC Aberta co MOOC Xestión creativa
do patrimonio e a paisaxe rural, no que participan oito socios europeos
nunha iniciativa coordinada polo profesor da Facultade de Socioloxía da UDC,
Manuel Docampo. Conta coa colaboración de Akademia Humanistyczno-Ekonomiczna w
Łodzi (Polonia), Centro Italia (Italia), Fundación Uxío Nononeyra (España), GRM
Novo Mesto (Eslovenia); Timesis Ltd – Montepisano DMC (Italia), UC Limburg
(Bélxica), e a Universidade Católico Portuguesa (Portugal).
O curso Xestión
creativa do patrimonio e a paisaxe rural ofrece unha aprendizaxe para o
desenvolvemento das competencias necesarias para afrontar o reto da xestión
creativa do patrimonio e a paisaxe cultural nas zonas rurais a medio e longo
prazo. O seu obxectivo é formar aos participantes na xestión cultural e dinamización
de maneira transversal, participativa e innovadora, comezando polo
recoñecemento do valor estratéxico do patrimonio rural para conseguir
territorios máis cohesivos e integrados, con maior participación social.
O curso está
estruturado en catro módulos de aprendizaxe máis un módulo inicial para a
introdución e un final destinado á avaliación. En cada un dos módulos o
alumnado terá acceso a unha serie de leccións con materiais comúns como vídeos
explicativos ademais de recursos de apoio escritos e actividades
complementarias. O estudantado precisará aproximadamente un total de 20 horas
de aprendizaxe ou cinco semanas para completar o curso.
Está destinado a
técnicos e xestores de turismo ou patrimonio; coordinadores e monitores
socioculturais; expertos e profesionais relacionados co desenvolvemento local,
turismo cultural e patrimonio; estudantes e profesionais que precisen
reciclarse cara novos tipos de turismo; emprendedores, habitantes do rural en
xeral, graduados en Paisaxe e Historia da arte así como a persoas interesadas
na materia.
Non se precisa experiencia laboral nin coñecemento
previo. O curso é de balde.
