A UDC únese á celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia
mércores, 10 de febreiro do 2021
A Universidade
da Coruña formará parte un ano máis do Día Internacional da
Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra este
xoves 11 de febreiro. Moitas das científicas están participando nas
iniciativas promovidas pola entidade coruñesa así como doutras
institucións, todas co mesmo obxectivo: lembrar e fortalecer o papel
das mulleres nas comunidades de ciencia e tecnoloxía.
Segundo informou a UDC, a
situación sanitaria actual obrigou
a que moitas das actividades teñan que desenvolverse
na Rede.
Así, dende a Unidade de Divulgación Científica da UDC preparan
dúas pezas audiovisuais dirixidas a escolares de Primaria
e Secundaria.
Nos vídeos, as investigadoras coruñesas falan da súa traxectoria
científica, a través da iniciativa Atrévete
a pescudar con elas!, que
ten como obxectivo achegar as
estudantes e que envíen preguntas ás científicas ata o 19 de
marzo. Os vídeos poderán verse a través da canle
de Youtube da Universidade.
Ademais, desde o Campus Innova presentaron unha iniciativa a través
das redes
sociais
que presentaban a algunhas das súas científicas.
Por outra banda, o Instituto
Universitario de Estudos Marítimo uniuse á conmemoración, e o
vindeiro venres 12 de febreiro ás 17:00 horas celebrará o debate
aberto A Ciencia
navega pola igualdade.
A través deste
faladoiro mostrarán a
importancia da muller para o desenvolvemento da economía
azul.
Así, seis mulleres, da talla da pioneira en investigación na
Antártida Carmen Piñeiro, provenientes do sector da náutica, a
ciencia e o deporte, intercambiarán opinións sobre a actualidade do
sector e a situación da muller neste campo. O
encontro poderá seguirse a través dunha
ligazón específica en Zoom.
Por último, cabe destacar a
participación de numerosas científicas da UDC nas iniciativas que
están a dar a coñecer a ciencia da man de mulleres. É o caso do
ciclo da ciencia é feminino Recoñéceas,
no que unha decena de investigadoras protagonizan diversos obradoiros
dirixidos a centros educativos de toda Galicia ou a iniciativa da
Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, Coñéceas,
que a través de
100 conexións en liña en toda España, visualizou
ás mulleres “tras bata” dando a coñecer a máis de 6.500 mozos,
1.111 galegos, ás investigadores no eido
da oncoloxía molecular.