A USC achega a versión en galego do dicionario médico para a rapazada, Diximed

luns, 25 de novembro do 2024 S. P.

O Primeiro dicionario de medicina ilustrado, dicionario médico dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que explica os conceptos básicos relacionados coa saúde infantil cunha linguaxe adaptada ao seu nivel de comprensión, elaborado por investigadores da Universidade Pompeu Fabra dirixidos pola profesora Rosa Estopà, xa ten versión en galego, logo de que collera impulso na súa versión virtual dispoñíbel en Diximed, accesíbel en catalán e castelán.
Para ir completando a oferta de idiomas e así facilitar que todos os nenos e nenas accedan en igualdade de condicións a este dicionario, a profesora Rosa Estopà propúxolle ao Servizo de Normalización Lingüística da USC a elaboración dunha versión galega.
Deste xeito, o servizo universitario encargouse da tradución dos textos mentres que o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela, foi o responsábel de ler e gravar as propias definicións, que ademais de lidas poden ser escoitadas.
Esta versión galega do Diximed presentouse na Aula Castelao da Facultade de Medicina nun acto que presidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e no que participou o alumnado compostelán implicado, que tivo a oportunidade de compartir a súa experiencia no proxecto coa súa responsable, a profesora Rosa Estopà, e con Xusto Rodríguez, do SNL da USC.
Diximed
O dicionario contén 200 nomes que serven para falar de saúde presentados por orde alfabética e 148 explicacións cos seus debuxos correspondentes realizados por unha man infantil, o que o fai aínda máis atractivo para as persoas que o consultan. Hai tamén unhas 30 palabras que son sinónimas doutras e 33 verbos que teñen un significado específico en medicina (desinfectar, curar, inxectar, receitar, sangrar...) presentados en frases creadas por alumnado e un atlas de 10 debuxos sobre o corpo humano que ten indicados 130 termos. En total, o dicionario inclúe 363 palabras para empregar ao falar de medicina, e agora tamén en galego.