A USC constata a vaga de desinformación nas redes xerada polo crime de Samuel Luiz
xoves, 2 de febreiro do 2023
A
desinformación avanza e malia as vantaxes e beneficios das novas
tecnoloxías, dos dispositivos e das redes sociais, faino grazas a
todos estes novos recursos de comunicación e o anonimato que
proporcionan. Así o entenden as nosas universidades, que comezaron o
ano impulsando novos proxectos para combater as novas falsas (fake
news) e axudar a incrementar a fiabilidade da Rede, localizando
aqueles puntos críticos da información galega e estatal: puntos de
onde xorde e prolifera o falso. A
USC, a través dun equipo pertencente ao grupo Novos Medios, puxo o
foco no caso do asesinato na Coruña de Samuel Luiz, acontecido
na madrugada do 3 de xullo de 2021.
Segundo
fan saber os investigadores nun estudo sobre a cobertura dos medios
de comunicación (analizando a conversa pública nas redes sociais e
o papel dos fact-checkers no caso do dito crime), o caso
foi un fervedoiro de desinformación “cun debate público dominado
por actores non xornalísticos” e cunha conversación polarizada e
de marcado cariz político na rede social Twitter.
O
estudo de Novos Medios constatou que “as desordes informativas
mostran que o ruído que xera a discusión pública completa o relato
con contidos falsos, enganosos e nesgados”.
Sinalan,
máis polo miúdo, que “a posibilidade de tratarse dun crime de
odio, xunto á politización do caso, a intervención de diferentes
actores e a notable polarización evolucionaron nun clima onde
proliferou a desinformación”, explican Jorge Vázquez Herrero,
María Cruz Negreira Rey e Xosé López García,
profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e
autores do artigo Misinformation on trial: Media coverage of a
murder, public conversation and fact-checking.
En
primeiro lugar, analizáronse as noticias sobre o dramático evento e
os avances da investigación durante o segredo de sumario nun medio
local (La Voz de Galicia) e nun estatal (El País),
reconstruíndo os encadres informativos. Nun segundo paso da
investigación, abordouse a conversa en Twitter con algo máis de
750.000 chíos analizados e visualizados en grafos, afondando nas
principais comunidades e nas mensaxes máis difundidas para
identificar as liñas discursivas e constatar a polarización, “moi
evidente cando hai unha posición político-ideolóxica”.
En
terceiro lugar, estudouse o rol de verificadores como Maldita.es,
Newtral, Verifica RTVE e AFP Factual, ademais de identificar e
caracterizar as desordes informativas. Neste caso atopáronse
evidencias de “falso contexto, contido enganoso, falso e
manipulado, así como a intervención de contramedios e medios
partidistas”.
O
caso analizado, sinalan, “exemplifica a complexa interrelación
entre diferentes actores, nun contexto no que incluso os eventos máis
tráxicos xeran marcos interpretativos da realidade nun clima
polarizado”.
Nas
redes sociais, engaden, observouse un debate público dominado por
actores non xornalísticos, como poden ser figuras políticas, a
contorna da vítima ou colectivos vencellados.
Así,
a desinformación en diferentes graos “emerxe e tende á
simplificación do discurso”.
A
investigación enmarcouse no proxecto europeo IBERIFIER, do cal a USC
forma parte a través do grupo Novos Medios.
