A USC e Televés colaborarán nunha nova cátedra sobre deseño microelectrónico

luns, 12 de febreiro do 2024 Redacción

O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións Infraestruturas Dixitais, acaba de anunciar a resolución das axudas do programa Cátedras Chip, entre as que se inclúe a nova Cátedra USC-Televés en deseño microelectrónico liderada dende o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), e que conta coa colaboración da empresa tecnolóxica Televés. A iniciativa disporá dun orzamento próximo aos dous millóns de euros. Deles, o Estado achegará preto de 1,6 millóns, mentres que os 300.000 euros restantes correspóndense co investimento directo da propia compañía.
Á fronte da coordinación estará Paula López, directora adxunta do CiTIUS. “Queremos reivindicar o lanzamento desta Cátedra como unha medida estratéxica esencial para promover a investigación en áreas cruciais”, afirma, “así como para contrarrestar a crecente preocupación pola soberanía dixital de Europa no sector da microelectrónica e Semicondutores”, engade. A responsable científica subliña ademais que “o soporte indispensable da empresa Televés”, cuxa colaboración considera “vital, tanto en termos de financiamento como á hora de afrontar os desafíos tecnolóxicos que expón o proxecto”, explica.
Será precisamente a empresa galega quen exerza a subdirección da Cátedra, a través da doutora Ana Peláez, directora de Maxwell Applied Technologies, filial especializada en microelectrónica dentro de Televés Corporación, o grupo tecnolóxico conformado por máis de 20 empresas no que Televés é cabeceira, dedicándose ao deseño, desenvolvemento e fabricación de produtos e solucións para infraestruturas de telecomunicacións en fogares, edificios e cidades de todo o mundo. A subdirectora da Cátedra quixo destacar a colaboración coa contorna académica, afirmando que esta relación “é fundamental para dotar os nosos produtos dunha innovación tecnolóxica esencial nun contexto de competencia global”. Na súa colaboración co CiTIUS, Televés porá o foco en impulsar a investigación para o desenvolvemento de sistemas de comunicacións avanzados, incluíndo aplicacións en tecnoloxía 5G.
A Cátedra Chip USC-Televés reúne o persoal investigador máis reputado no campo dentro da Universidade de Santiago, e conta ademais coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que se suma á proposta para desenvolver investigación en computación cuántica. Entre o equipo investigador da USC figuran Natalia Seoane e Victor Brea (CiTIUS), Francisco Rivadulla (CiQUS), Jesús Liñares Beiras (iMATUS) e Héctor Álvarez Pol (IGFAE), mentres que o CESGA estará representado polo investigador Andrés Gómez Tato. Finalmente, destaca a presenza de dúas investigadoras de centros líderes mundiais nos seus respectivos campos: María Loreto Mateu, do Departamento de Circuítos e Sistemas Integrados no Instituto Fraunhofer (Alemaña); e Jana Berit Nieder, do Instituto de Nanotecnoloxía de Braga – INL (Portugal), un feito que reflicte a vocación de liderado internacional desta Cátedra en áreas clave para o proxecto.
Esta proxección internacional non só consolida a relevancia das investigacións conxuntas en curso, senón que abre a porta a futuras asociacións con persoal investigador de renome mundial, ben sexa a través de participación en proxectos conxuntos, ben mediante a organización de eventos ou congresos internacionais. Con todo isto enriquecerase o ecosistema de investigación, ampliando así o alcance e a profundidade das achegas científicas que teñan lugar no campo da microelectrónica e semicondutores. Cunha duración aproximada de tres anos (data de fin prevista para a metade de 2027), a proposta nace co propósito de articular un ecosistema de colaboración científico-tecnolóxica sen esquecer o marco formativo, como demostra o plan de creación dun novo mestrado interuniversitario en Deseño Micro e Nanoelectrónico.
A Cátedra abrirá novos camiños para afrontar desafíos clave no sector da microelectrónica, destacando as liñas de investigación que se expoñen nas áreas da Computación no bordo, a Computación en memoria, a Computación cuántica e o avance en chips de vangarda para sistemas AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). A Computación no bordo optimiza o procesamento de datos preto da fonte, reducindo a latencia e aumentando a eficiencia en aplicacións críticas. Pola súa banda, a Computación en memoria revoluciona o paradigma tradicional de procesamento, ao acelerar o acceso aos datos e mellorar o rendemento das aplicacións. A Computación cuántica, co seu potencial para resolver problemas complexos a velocidades inimaxinables para as computadoras clásicas, promete avances significativos en criptografía, simulación de materiais e optimización. Finalmente, os chips para sistemas AESA de última xeración están a transformar a industria da defensa e a aviación. Estes campos non só representan fronteiras científicas de alta importancia, senón que son esenciais para revitalizar o papel líder da industria nacional e europea nun escenario global cada vez máis influenciado por potencias como China ou Estados Unidos.

PUBLICIDADE