A USC organiza a segunda edición da súa Feira de Emprego

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

A segunda edición da Feira de Emprego da Universidade de Santiago de Compostela (USC) xa ten data de celebración. Será en formato virtual os días 24 e 25 de abril. Esta feira converterase nun lugar de encontro entre a Universidade, empresas, alumnado e egresados/as. A USC agarda contar coa visita de alumnado de todas as súas titulacións, que deixarán os seus currículos (CV) nos stands das empresas participantes e poderán inscribirse directamente ás ofertas de emprego publicadas.
Segundo indican dende a organización, o formato virtual en troques do presencial presenta máis vantaxes, entre elas: “A posibilidade de contactar con máis solicitantes e conseguir máis CV, todos os CV están xestionados en formato dixital, é un formato milenial, reduce os custes (viaxes, tempo, stand...), pódese contactar dende calquera lugar (oficina, casa, teléfono...) e compatíbel con GDPR (siglas en inglés do Regulamento Xeral de Protección de Datos)”.
Para máis información sobre esta Feira de Emprego da USC cómpre visitar a web do evento onde tamén se indica como inscribirse para participar.

PUBLICIDADE