A USC presenta IDEPatri, una plataforma web para conectar os achados arqueolóxicos de todo o planeta

venres, 4 de xuño do 2021 Redacción

Arqueólogos do GEPN-AAT traballan nunha escavación en Castro de Nabás en Nigrán, Pontevedra. (Foto: María Martín)

A USC acolleu este venres 4 de xuño a presentación oficial de IDEPatri, unha plataforma web para rexistrar e conectar os descubrimentos arqueolóxicos en todo o planeta. A nova infraestrutura, froito dunha colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), facilita o intercambio de información xeolocalizada de datos entre arqueólogos a nivel mundial, permitíndolles coñecer o estado das escavacións e ofrecer os seus contidos a calquera outra persoa “ao integrar o coñecemento na globalidade de Internet”, sinalaron os responsábeis das dúas entidades.
A infraestrutura foi desenvolvida polo GEPN-AAT (Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio), en colaboración co CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes).
O novo sistema, que viu a luz tras a recente defensa da tese doutoral de Emilio Abad na Facultade de Historia da USC, facilita o acceso a distintos datos de temática arqueolóxica e patrimonial. “A plataforma permite acceder á información de forma inmediata, e pode ser utilizada para uso propio, ou por parte de usuarios con diferentes perfís ao longo de toda a cadea de protección do material arqueolóxico”, explicou a Universidade de Santiago, poñendo o foco nun dos seus grandes obxectivos: favorecer o patrimonio accesíbel.
“Até a data, o método arqueolóxico de investigación tradicional baséase na comparación de restos materiais, separados no espazo e no tempo, véndose limitada a posibilidade de interconectar estes datos arqueolóxicos entre diferentes xacementos por mor dunhas técnicas de recolección da información que non son uniformes, e que, na práctica, difiren de arqueólogo a arqueólogo e de institución a institución”, explica a USC, recordando que “a información que se envía aos museos durante a entrega de material tampouco se atopa estandarizada, xa que os sistemas de arquivo empregados non explotan o potencial das técnicas dixitais”.
Con todas as premisas devanditas xorde IDEPatri, un proxecto concibido inicialmente como resposta ás necesidades dun grupo de investigación en arqueoloxía con actividade en escavacións dentro e fóra de Galicia. Ademais de facilitar o intercambio de información, IDEPatri revelouse como unha ferramenta de gran utilidade para os arqueólogos, que poden utilizala para rexistrar os numerosos datos xeoespaciais derivados da práctica arqueolóxica.
Unha ferramenta de I+D para a conservación do patrimonio
IDEPatri é o resultado dunha colaboración interdisciplinar no ámbito emerxente das Humanidades Dixitais. A través de Tecnoloxías de Información Xeográfica, os investigadores traballaron para extraer coñecemento sobre como os distintos elementos culturais fóronse expandindo ao longo do territorio (análise espacial), ou mesmo ao longo das diferentes épocas (análise temporal). A nova plataforma incorpora un compoñente de xestión de grandes volumes de datos para facilitar o traballo dos investigadores, unha característica que combina coa filosofía de acceso aberto (open access), para que docentes e divulgadores poidan explorar o seu potencial mediante ferramentas de visualización. “Aínda que non só suporá unha vantaxe para o ámbito académico, esta información bríndanos tamén a oportunidade de poder ofrecer produtos de valor a outros sectores de actividade, achegando discursos adaptados para diferentes tipos de persoas con inquietudes particulares”, afirmaba Emilio Abad.
A ferramenta IDEPAtri foi validada nas escavacións do Castelo da Rocha (Santiago de Compostela), onde a empresa encargada da escavación e levantamento arqueolóxico utilizou as aplicacións desenvolvidas e o modelo de datos para xestionar a intervención.

PUBLICIDADE