A USC quere máis ordenadores en liña para os estudantes e máis administración electrónica

venres, 20 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago (USC) deu a coñecer os días pasados os seus retos en materia de novas ferramentas para o período 2007 – 2010, incluídos no seu PETIC II, o Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e das Comunicación, retos que –entre outras cousas- pasarían por facilitar na medida do posible o acceso dos estudantes a un equipo propio en Rede. Do que se trata, informou a institución educativa, é de afondar nas nove liñas abertas polo anterior plan, que incluíu cen actividades de dinamización TIC, “situando á USC á cabeza das universidades do Estado no uso das tecnoloxías”. Máis polo miúdo, os retos que inclúe son os que citamos a continuación, distribuídos en tres apartados.
· Ensino-aprendizaxe. Cómpre salientar aquí a procura dunha meirande integración das novas tecnoloxías tanto no aspecto presencial coma no virtual, ademais de favorecer que os estudantes conten con equipamento propio e facerlles máis doado e accesible o uso da Rede tanto dentro da USC como dende os seus domicilios, “algo que será extensivo ó resto da comunidade universitaria”.
· Investigación e bibliotecas. A previsión é habilitar un repositorio centralizado de publicacións dixitalizadas e outro de software desenvolvido polos investigadores da USC. Outro dos obxectivos xiraría arredor da mellora na automatización da xestión da Universidade, “cunha clara aposta por avanzar na administración electrónica”.
· Formación en TIC da comunidade universitaria. Haberá actividades formativas de mellora na formación do estudantado, o profesorado e mesmo do propio persoal TIC, así como accións divulgativas para toda a sociedade, “facendo que a USC colabore na diminución da fenda dixital en toda Galicia”, sinalou a institución educativa. Outro dos retos pasa polo incremento da presenza do software libre.