A UVigo acolle este luns un workshop de Ferran Adrià da man da Rede de Cátedras de Telefónica

venres, 19 de abril do 2024 S. P.

A Rede de Cátedras de Telefónica súmase á celebración do centenario da compañía de telecomunicacións cunha iniciativa única protagonizada por Ferran Adrià, en palabras da Rede “un dos mellores chefs do mundo e embaixador de Telefónica desde 201”. O cociñeiro visitará a Universidade de Vigo este luns, 22 de abril, para pronunciar unha conferencia e levar a cabo un workshop con alumnos ao redor do seu desafío Challenge elBulli1846.
A primeira parte do evento arrincará á 11.00 h. no salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e contará coa presenza, ademais de Adrià, do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director territorial norte de Telefónica, Manuel Ángel Alonso; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; e o catedrático da Universidade de Vigo e director da Cátedra Telefónica do campus vigués, José Cidrás.
Trala inauguración da xornada, presentarase o desafío Challenge elBulli1846 e despois o soado chef pronunciará a conferencia titulada Imaxinémonos sen límites, coa que compartirá cos alumnos a súa metodoloxía Sapiens. Esta técnica capta a atención dos presentes e impulsa a importancia da innovación no ámbito académico.
A segunda parte da xornada terá lugar no salón de graos da facultade e permitirá aos estudantes da Universidade de Vigo coñecer o Challenge elBulli1846, un desafío que se propón nesta Xira Centenario Telefónica para estimular e difundir a metodoloxía Sapiens na comunidade universitaria, e que se pode aplicar en Traballos Fin de Grao, Traballos Fin de Máster e proxectos innovadores.

PUBLICIDADE