A UVigo celebra a II edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT
xoves, 26 de marzo do 2026
Afondar no estudo do contexto social, cultural, político e, sobre todo, tecnolóxico actual para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla (e tamén fóra dela) é o eixo central sobre o que está a xirar a segunda edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT, que se está a celebrar dende onte (mércores 25 e que se estenderá ata o venres, 27 de marzo) na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da UVigo, en colaboración coas universidades de Córdoba e Alacante, a este encontro están convocados 65 relatores e relatoras de sete países e preto de 200 asistentes chegados de máis dunha vintena de puntos do mundo.
“Nun momento no que a tradución se enfronta a desafíos como a dixitalización, a intelixencia artificial ou as narrativas transmedia, encontros como este convértense en espazos imprescindibles para pensar xuntos, debater e avanzar”, sinalou o docente e investigador do grupo T&P da UVigo e organizador do congreso, Óscar Ferreiro. Ferreiro tamén lembrou que ParatradIT ten a súa xénese no congreso techLING celebrado en 2021 e “en menos de cinco anos, fomos quen de organizar tres eventos internacionais, o que dá boa conta do dinamismo, da capacidade de colaboración e da forza deste proxecto”.
Amais de Ferreiro, os docentes e investigadores do Grupo T&P da UVigo, José Yuste e Ramón Méndez, organizadores do congreso co docente da USC, Enmanuel Claude Bourgoin, salientaron o seu carácter internacional e tamén incidiron na relevancia desta cita académica, agradecendo ás persoas asistentes a súa presenza. Yuste incidiu en que "nos tempos que corren a deshumanización progresiva nas actividades creadoras e recreadoras do exercicio profesional da tradución e a interpretación por mor do abuso da IA, resulta esencial a celebración destes eventos científicos, como este II Congreso para o intercambio de ideas e a creación de proxectos de investigación que fundamenten a principal aspiración do Grupo T&P desde os comezos da era dixital: propoñer a tradución como resistencia para a construción dun mundo mestizo e mestizante".
Indo ao evento, de xeito presencial e en liña, as persoas asistentes seguirán ata o venres 27 de marzo as intervencións dos 65 relatores e relatoras de China, Arxentina, España, Reino Unido, Francia, Brasil e Portugal, centradas en tres temas: tradución e interpretación na era dixital (analizando como capitalizar de xeito positivo a (r)evolución dixital, tanto na docencia universitaria, como no exercicio profesional da tradución e a interpretación), a pedagoxía e a didáctica dixital das linguas e o uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas.
Tirando deste fío, os contidos relativos á tradución e interpretación na era dixital, os organizadores subliñan a importancia de que, ante o uso masivo das intelixencias artificiais e das memorias de traducións, cómpre reflexionar sobre que significa traducir na era dixital. Entre outros temas, abordarase o papel das memorias de tradución e se a dixitalización das tarefas da tradución está a derivar nunha minusvaloración profesional da figura do tradutor/a ao convertelo nun mero revisor.
En canto á pedagoxía e á didáctica dixital das linguas, compartiranse os resultados das investigacións e as experiencias cotiás da docencia dixital na aula, tanto dende o punto de vista do docente como do estudante. Para rematar, sobre o uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas falarase dos avances tecnolóxicos da lingüística informática no tratamento automático das linguas (escrita e oral), así como o diálogo entre a persoa humana e a máquina, sendo unha das ferramentas máis coñecidas a tradución automática.
