A UVigo co-organiza unha prestixiosa escola de verán sobre tecnoloxías sen fíos 5G

martes, 23 de maio do 2017 Redacción

Unha cita educativa e informativa de primeira liña, referencial se mire por onde se mire, para formarnos en tecnoloxía 5G e albiscar alén dela (na procura de novas potencialidades do acceso sen fíos 5G). Así será a edición 2017 da Joint IEEE SPS Eurasip Summer School on Signal Processing for 5G Wireless Access, que se celebrará entre os días 29 de maio e 1 de xuño na cidade de Gotemburgo. O curso, que contará con presenza galega nas súas exposicións, vén da man da Universidade de Vigo xunto ás de Chalmers, Linköping, Texas en Austin e Aalborg. Trátase, máis polo miúdo, da nova convocatoria dunha prestixiosa escola de verán que constitúe unha xanela directa á investigación internacional en procesamento de sinais para o acceso sen fíos 5G. Desta volta haberá catro bloques temáticos principais: MIMO masivo, comunicación mmWave, posicionamento e comunicación de máquina a máquina.
Entre as e os relatores que intervirán nesta edición da escola de verán está a docente e investigadora da Universidade de Vigo e do seu centro AtlantTIC Nuria González Prelcic, coautora de máis dunha vintena de artigos sobre tecnoloxías MIMO para onda milimétrica e que ten impartido seminarios especializados en congresos como ICASSP 2017, Globecom 2016 ou WCNC 2017. Segundo informou a investigadora, será unha privilexiada oportunidade para colaborar “con varias das universidades e investigadores que máis teñen que dicir no tema das novas tecnoloxías 5G, que son basicamente MIMO masivo e comunicacións en onda milimétrica”.

A investigadora da Universidade de Vigo e do centro Atlanttic, Nuria González

Nuria González, xunto ao docente da Universidade de Texas en Austin, Robert Heath, co-organizou dúas sesións especiais sobre comunicacións mediante ondas milimétricas en SPAWC 2015 e Asilomar 2016. Segundo engade en relación ás súas achegas na escola de verán, “a tecnoloxía de onda milimétrica trata de operar a frecuencias moi altas, da orde de máis de 30GHz, con grandes estruturas homoxéneas de antenas, para acadar velocidades de transmisión moi altas, moitas decenas e incluso centenas de xigabits por segundo”. Estas velocidades, explica, fan realidade aplicacións que “até o de agora non eran posíbeis, desde comunicacións vehiculares de alta velocidade a módulos de comunicacións para sistemas de realidade virtual”.
Na escola de verán, ademais dos relatorios que ofrecerán algunhas e algúns dos principais expertos no eido do procesamento de sinais para comunicacións, tamén se impartirán relatorios a cargo de representantes das empresas Huawei, Ericsson, Volvo ou China Mobile.

PUBLICIDADE