A UVigo coordina o desenvolvemento dun sistema para detectar lumes con satélites, drons e software

martes, 14 de febreiro do 2017 Redacción

A Universidade de Vigo presentou estes días un proxecto internacional que lidera e que iría dirixido a favorecer meirande eficacia na detección remota de lumes no monte. Este extra de eficacia viría dado polo uso de picosatélites, drons, sensores infravermellos e tecnoloxías avanzadas de seguimento e análise de imaxe. O proxecto, chamado Fire-RS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System), está coordinado pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo. Conta cun financiamento Interreg de preto de dous millóns de euros. O seu desenvolvemento implica a creación dun demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais. Os recursos-metodoloxías a empregar son unha rede sensores infravermellos despregados nos montes, un satélite Cubesat (LUME 1), unha flota de vehículos non tripulados (UAV) con cámaras con infravermellos e un software de modelado e predición de incendios.
Coa participación da Universidade de Porto e do Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse, o proxecto Fire-RS, coordinado polo docente e investigador da Universidade de Vigo Fernando Aguado, ten unha duración de tres anos. A idea é lanzar o satélite específico o ano vindeiro, iniciándose entón as probas.
Na presentación do proxecto o reitor da Universidade, Salustiano Mato, salientou a relevancia dun proxecto que vai dirixido a fornecer solucións para un dos nosos principais problemas medioambientais e económicos, os lumes forestais. Neste senso, Mato gabou o traballo que desenvolve a Agrupación Aeroespacial “aplicando as tecnoloxías do espazo aos problemas de Galicia” e apuntou que este proxecto internacional “supón un salto cualitativo”.
Pola súa banda, Fernando Aguado lembrou os principais fitos acadados pola Agrupación Aeroespacial, con tres CubeSats enviados ao espazo, un Femtosat case rematado e proxectos en común coa NASA e a ESA. No caso de Fire-RS enxalzou a aposta “por un proxecto que integra as solucións máis actuais, como son os UAVs e os sensores”.
Simon Lacroix do Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse e Pedro Aguiar da Universidade de Porto, en representación das outra dúas entidades colaboradoras do proxecto, explicaron os detalles da súa participación en Fire-RS, que actualmente se atopa en fase de definición de requisitos e rematará no ano 2019.
Segundo fixeron saber respecto do funcionamento concreto do sistema, este implica o espallamento nos bosques duns sensores infravermellos (deseñados polo enxeñeiro industrial Miguel Castro) con capacidade para detectar os lumes nada máis comezar. Os detectores, logo disto, xerarán unha alerta que con información complementaria sobre as condicións de vento, a extensión do incendio e a posición GPS, será enviada ao satélite en tempo real. Este, á súa vez, carrexará esta alerta cara ao centro de control de vehículos non tripulados, que voarán ata a localización do incendio e farán unha caracterización do mesmo, coas cámaras que levan a bordo. As imaxes serán procesadas en tempo real, extraendo parámetros como a extensión exacta, características das lapas, condicións locais de vento e detección de elementos de perigo susceptibles de evacuación como casas, vehículos ou zonas de acampada.
Pola súa banda os UAV (vehículos aéreos non tripulados) incorporan transmisores que permitirán extraer información adicional dos sensores de terra e comunicar estes vehículos co satélite e poder recibir datos sobre o incendio en tempo real. Segundo fixeron saber os investigadores da Universidade de Vigo, “as imaxes procesadas en tempo real, xunto cos parámetros meteorolóxicos actuais e previsións, así como os mapas de vexetación da zona e mapas dixitais de elevación do terreo, son incluídos na ferramenta de modelado e predición de incendios, para realizar, tamén en tempo real, unha avaliación, da dirección de avance do lume e predición do seu comportamento, para que sexa comunicado ás brigadas e servizos de emerxencia e que poidan acudir á zona con máis información e predicións fiables do comportamento do lume”.