A UVigo participa nunha investigación sobre os retos e oportunidades da IA para a docencia
mércores, 2 de xullo do 2025
Afondar nos desafíos e potencialidades da Intelixencia Artificial xenerativa para o ensino superior é un dos obxectivos do proxecto Edu-Ina, no que participan unha trintena de investigadores e investigadoras de seis universidades españolas, entre as que se atopa a UVigo.
A sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra acolle nestas xornadas unha das reunións de traballo deste proxecto liderado pola Universitat Autónoma de Barcelona e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Esta investigación pon o foco tanto nas políticas que están a desenvolver as institucións académicas neste eido como nas iniciativas impulsadas polo profesorado para incorporar á súa docencia a IA xerativa, aquela que crea contido orixinal de forma autónoma a partir de patróns aprendidos de grandes volumes de datos.
“As dúas claves deste proxecto pivotan arredor do que se está a facer a nivel de xestión universitaria e de dar visibilidade a esas boas prácticas que se están desenvolvendo na docencia”, sinala o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Abraham Bernárdez, membro do equipo investigador de Edu-Ina (Políticas y prácticas sobre la inteligencia artificial generativa en la educación universitaria).
Cristina Mercader e Aleix Barrera-Corominas, da UAB, son os investigadores principais dun proxecto que reúne docentes das universidades de Granada, León, Oberta de Catalunya e Complutense de Madrid, así como da UAB e da UVigo, contando tamén coa participación da Mondragon Unibertsitatea como entidade colaboradora.
Xunto a Bernárdez, investigador do grupo Ritme, a UVigo está representada neste proxecto pola tamén docente de Ciencias da Educación e do Deporte Martina Ares, a profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra Claudia González e a investigadora predoutoral Manuela Ordoñez, á vez que contan coa colaboración de Ana Parada, da USC.
O equipo investigador deste proxecto, iniciado en setembro de 2024, reúnense desde este luns na Casa das Campás para afondar “nos diferentes obxectivos que se están desenvolvendo e os pasos que hai que continuar dando”.
Abórdanse cuestións como os cambios que poden supor ferramentas como ChatGPT nos procesos de aprendizaxe ou no tipo de tarefas que propor ao alumnado, Edu-Ina comprende por unha banda a análise das prácticas educativas que fan uso da IA xerativa. A idea é coñecer “que tipo de prácticas” está a levar a cabo o profesorado con este tipo de ferramentas e que elementos é preciso “ter en conta” para que o seu uso poida contribuír á formación do alumnado. Co obxectivo de obter “unha panorámica xeral” neste eido, realizaron unha enquisa sobre os usos, coñecemento e posicionamento do profesorado das diferentes universidades sociais, que á súa vez van servir tamén “para detectar eses docentes clave nos que temos que fixarnos”, apunta Bernárdez.
O outro eixe de Edu-Ina son as actuacións das institucións académicas e nel insírense obxectivos como analizar os discursos e a opinión sobre a incorporación da Intelixencia Artificial xerativa das e dos responsables académicos, así como describir as políticas e estratexias que están a levar a cabo as universidades. Neste ámbito promovéronse grupos de discusión nas diferentes entidades sociais, como o que tivo lugar hai unhas semanas no campus pontevedrés, e que levarán a unha “análise do discurso” de carácter cualitativo, á que se suma a revisións de plans de estudo ou dos plans estratéxicos das institucións académicas.
Un dos propósitos dun proxecto que se estenderá ata 2027 é o deseño dunha folla de ruta para axudar ás universidades a implantar a Intelixencia Artificial xerativa dun xeito eficiente.
