A Universidade de Vigo oferta unha gran variedade de obradoiros TIC para o segundo cuadrimestre

martes, 8 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Os alumnos e alumnas da Universidade de Vigo, aínda ben non remataron as actividades extra-académicas do primeiro cuadrimestre e xa teñen a oportunidade de ir pensando nalgún talento que lles gustaría potenciar (ou descubrir) no periodo lectivo que vén, xa que a oferta de cursos que oferta a súa entidade académica é moi completa e variada.
Tocar a guitarra, facer maxia, actuar en teatro, bailar danza oriental, facer cestos ou ata arranxar o coche son só algunhas das cousas que se poden aprender nos obradoiros que organiza a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e que teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 18 de febreiro.
Os tres campus ofrecen unha ampla e variada oferta de actividades complementarias e de lecer (ata un total de 40), porén dende Código Cero, malia que nos gustaría dar conta de todas elas, limitámonos a citar as que nos tocan de preto: as relacionadas coas novas tecnoloxías e Internet.
Neste senso destacamos a oferta do campus de Ourense, que prepara un obradoiro de retoque fotográfico e, por primeira vez, un de cinema de animación, no que o creador Dick Van Der Vondel amosará o xeito de poñer en marcha, dunha maneira divertida e doada, unha pequena curtametraxe de animación.
Os obradoiros ofertados no campus de Pontevedra seguen a liña marcada no primeiro cuadrimestre e, deste xeito, repiten curso de son e de efectos especiais para cine e televisión.
Pola súa banda, o campus de Vigo, fiel á súa tradición, volve a ofertar cursos relacionados co software libre e Linux, co modelado 3D e cos entornos virtuais. Son cursos que, segundo informa o técnico de Actividades Culturais, Alfonso Caride, “nas enquisas de avaliación están moi ben valorados”, polo que repiten convocatoria no cuadrimestre que vén.

PUBLICIDADE