A Universidade de Vigo ponse firme contra a escaseza crecente de mozas enxeñeiras
luns, 7 de maio do 2018
Co gallo
de atopar respostas para
unha problemática que vai a máis (a progresiva desaparición das
carreiras tecnolóxicas entre as principais eleccións formativas das
nosas mozas), a
Universidade de Vigo organizou
hoxe unha xornada-obradoiro que
quixo ser un chamamento a alentar ás
novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC e das
restantes enxeñararías como un ámbito axeitado para o seu
desenvolvemento académico, investigador e profesional. Entre
outras cousas, a cita (celebrada na sede do Consorcio da Zona Franca
de Vigo, en Bouzas) serviu para presentar o programa IREI (Inspirando
ás Rapazas para Estudar Enxeñaría), un programa cuxo nome fala por
si só dos seus cometidos: cómpre conseguir que as mozas acheguen ao
seu talento ás TIC, doutro xeito o progreso tecnolóxico (e as súas
vantaxes) ficará moi por debaixo das expectativas. Na xornada
lembrouse que a presenza de alumnado feminino nos sete centros nos
que se imparten titulacións de enxeñaría na UVigo é de só o
19,7%,
Contouse coa presenza de Teresa Pedrosa, delegada
do Consorcio, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra,
Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Dolores
González, vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo e a
comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de Lorenzo
Precisamente, a vicerreitora foi a encargada de
presentar a iniciativa, recordando que esta segue en boa medida o
ronsel de Inspira STEAM, da Universidade de
Deusto. As liñas estratéxicas de Inspira STEAM foron dadas a
coñecer por Oihane Zarate, quen tamén afondou en metodoloxías
de asesoramento para reverter as devanditas fendas de xénero nas
carreiras tecnolóxicas. Segundo fixo saber a vicerreitora,
“se no curso 2004/2005, as mulleres matriculadas en Galicia en
carreiras de enxeñarías ou relacionadas coa arquitectura supuñan
un 36,4% do total, en 2015/2016 non se chegaba nin a un cuarto do
total, cun 24,5%. A evolución amosa unha caída lenta aínda que
constante”, explicou.
Pola súa banda, Carmela
Silva denunciou que se “empuxe ás nenas desde que nacen para que
non escollan carreiras tecnolóxicas” ao tempo que incidiu na
necesidade de dar visibilidade aos logros das mulleres neste ámbito
e animou a “cambiar o presente para que as mulleres cheguen a todo
o coñecemento”.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López
Abella, felicitou á Universidade de Vigo pola posta en marcha desta
iniciativa e laiouse de que a presenza de mulleres en carreiras “con
futuro inmediato de éxito non supere o 20%”.
Pola súa parte, a delegada do Estado na Zona
Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, alertou da necesidade de “incrementar
a formación e incorporación de mulleres ás profesións
relacionadas co ámbito dixital” e amosou a disposición do
consorcio a “acadar as mentoras necesarias para poñer esta
iniciativa en marcha” entre as 620 empresas e máis de 22.000
traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade
arredor da Zona Franca.
A comisionada do Vigo Tecnolóxico, Edita de
Lorenzo, asegurou que “temos un problema grave” e animou ás
mulleres tecnólogas a facérense visibles perante as nenas de 9, 10
e 11 anos, “xa que é bonito axudar á que a sociedade funcione
mellor e a resolver problemas”.
No acto de hoxe tamén participou o director da
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, que
afondou na situación particular da Universidade de Vigo en cuestión
de fendas de xénero. Segundo lembrou, no curso 1991/1992 rexistraba
un 23,6% de alumnas de novo ingreso nas carreiras de enxeñaría,
mentres que no curso 2017/2018 esta cifra baixara a un 19,7%. En
canto ao número de graduadas en enxeñarías nos catro últimos
cursos, Cuiñas situouno nun 22,9% do total de 992 persoas tituladas,
asegurando que “non parece que as rapazas teñan peores resultados
cós rapaces. En realidade, as porcentaxes son semellantes e máis,
cantos máis anos se analizan”, asegurou.
