A Wikipedia, na picota por mor de falta de financiamento
martes, 13 de febreiro do 2007
O espíritu que alumeou o xurdimento dun servizo aberto e útil como a Wikipedia (en galego, Galipedia) semella que non chega para manter a chama acesa. A fin de contas, mesmo as vontades máis desinteresadas (como as que fixeron posible a Wikipedia) precisan algo máis que boas intencións para seguir adiante, sobre todo se, como seguramente acontece neste intre, aqueles que poderían amañar a situación cun pouco de xenerosidade prefiren dicirlle ás súas secretarias que da Wikipedia non collan nin unha chamada. O caso é que a nova do risco de afundimento do barco “Wikipedia” é unha nova que nos colle a moitos por sorpresa: hai un ano e medio, de feito, Jimmy Wales, fundandor da enciclopedia en liña, auguráballe á mesma un futuro de grandes esperanzas. E dicía: “O noso nivel de gastos é moi baxo e iso fainos máis viables; non vexo ningún problema para que o proxecto siga vivo nos vindeiros anos”.
Porén, as cousas semella que se torceron nalgún punto do vieiro e Florence Devoudard, directora da Fundación Wikimedia vén de anunciar que o proxecto só conta cos cartos para manter ergueito o edificio (tan solidamente construído, en apariencia) durante tres ou catro meses. O caso é que a Wikipedia (ata o de agora) puído saír adiante grazas ás doazóns dos mesmos usuarios, que case por costume roldaban o millón de dólares ó ano.
Mais se temos en conta as declaracións de Devoudard (sempre e cando non sexa unha manobra encamiñada a xerar alarma e a atraer ingresos precisamente grazas a ese aire de inmenente catástrofe), estes cartos xa non chegan como combustible e compriría exprimir os miolos na procura de máis e mellor financiamento (un financiamento que en calquera caso non dependa de empresarios de ideas cambiantes nin de estruturas políticas que coarten a independencia da que ata o de agora viña gabándose a Wikipedia).
