A WordCamp Pontevedra reunirá preto de 300 emprendedores e profesionais do desenvolvemento web

martes, 17 de setembro do 2024 S. P.

Entre o venres 20 e o domingo 22, a Facultade de Comunicación (UVigo) será novamente sede da WordCamp Pontevedra, un congreso centrado no xestor de software libre máis empregado para a creación de páxinas web, WordPress, e no que a organización prevé reunir preto de 300 persoas, entre profesionais do deseño e o desenvolvemento web, persoas emprendedoras, alumnado universitario e persoas interesadas en iniciarse no deseño web. O evento será coordinado pola comunidade WordPress Pontevedra, que a UVigo acolle desde os seus inicios, ao abeiro dun convenio coa WordPress Foundation.
No seu programa insírense máis dunha vintena de conferencias e obradoiros, que nesta edición porán o foco no emprendemento, así como un hackatón no que as e os participantes deseñarán conxuntamente as webs de tres organizacións sen ánimo de lucro.
A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e a presidenta da comunidade WordPress Pontevedra, Sabela Muñiz, presentaron este luns 16 de setembro a programación dun evento que mantén aberta a súa inscrición. Esta, como lembrou Lantarón, conta cun prezo reducido de 10 euros para o alumnado e de 25 ou 20, segundo a modalidade, para o público xeral.
“Este congreso encaixa perfectamente co plan estratéxico da Universidade”, sinalou a vicerreitora, que incidiu tanto na aposta do evento pola sustentabilidade e pola solidariedade, a través do hackatón, como na importancia que outorga nesta edición ao emprendemento.
Segundo fixeron saber, unha das novidades desta edición da WordCamp é que esta terá como eixe central o emprendemento, “porque pensamos que WordPress é unha ferramenta fundamental para calquera proxecto que queira ter unha presenza dixital e chegar a un público máis amplo”, sinalou Sabela Muñiz, salientando outra das novidades da axenda desta convocatoria: a aposta por formatos “máis participativos”, de tal xeito que ás conferencias sumaranse tamén “consultorías e auditorías”, na que as e os asistentes poidan abordar con especialistas aspectos concretos dos seus proxectos.
Esta serie de actividades desenvolveranse ao longo do sábado 21, xornada na que está prevista unha vintena de coloquios e obradoiros centrados en cuestións como comercio electrónico, optimización en motores de busca, marca e posicionamento, difusión de podcasts ou lanzamento de novas firmas innovadoras no ecosistema WordPress.
Previamente, o venres 20 terá lugar o hackatón, que se verá precedido por un taller de iniciación a WordPress, impartido por Fernando Tellado, “un dos maiores referentes de WordPress de fala hispana”.