A Xunta actualiza o plan de calidade dos servizos públicos

venres, 30 de xaneiro do 2026 Redacción

A Xunta vén de actualizar o Plan de Calidade dos Servizos do sector público autonómico de Galicia, cun enfoque centrado en facer da cidadanía a verdadeira protagonista e partícipe das súas relacións coa Administración galega.
O novo plan, con vixencia para o período 2026-2027, toma como punto de partida as actuacións desenvolvidas no anterior para reforzar a mellora continua da calidade dos servizos públicos. O documento fixa as medidas que se executarán nos vindeiros dous anos para avanzar no cumprimento dos obxectivos establecidos.

Obxectivos e eixos de actuación

O plan estrutura os seus obxectivos arredor de distintos eixos e accións que permiten unha aplicación operativa. O primeiro deles céntrase no funcionamento dos servizos públicos, co propósito de consolidar a planificación estratéxica da actividade do sector público. Neste ámbito, reforzarase a rendición de contas e manterase a publicación anual dos informes balance de actividade de cada consellería.
No eixo relativo á xestión da calidade e aos instrumentos de mellora, promoverase o uso de enquisas de satisfacción entre os usuarios dos servizos públicos como ferramenta para avaliar e mellorar a atención prestada.
O terceiro eixo aborda a racionalización e simplificación dos procedementos administrativos. Prevese simplificar polo menos 90 procedementos e eliminar arredor de 90 cargas burocráticas para a cidadanía. No ano 2025 xa se simplificaron máis de 34 procedementos, o que supuxo a redución de máis de 60 cargas administrativas e beneficiou a unhas 170.000 persoas.
Tamén se continuará ampliando a oferta de procedementos sen solicitude previa, co obxectivo de incorporar dez máis. Durante 2025 xa se engadiron novos supostos na tarxeta benvida (adopción e acollemento) e habilitouse o Carné Xove en formato electrónico a través da aplicación móbil corporativa XuntaEu, alcanzando a 160.553 potenciais beneficiarios.
No ámbito da contratación administrativa, destaca a elaboración e aprobación da Estratexia Galega de Contratación Pública, que facilitará os procedementos para as empresas, incorporará máis criterios medioambientais e sociais e fomentará a participación das pemes.
En materia de xestión de persoal, salienta a aprobación da Estratexia de Recursos Humanos da Xunta, a partir da cal se abordarán cuestións clave como a axilización dos procesos selectivos, o traballo por obxectivos, os concursos de traslados anuais e a planificación das necesidades futuras de persoal. Dada a súa relevancia e volume, está prevista a elaboración dunha Estratexia específica de Recursos Humanos para o Sergas.
A transparencia continúa a ser un eixo prioritario, cunha revisión e actualización dos portais de transparencia das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.
No eixo de información e atención á cidadanía impulsarase a posta en marcha de plans de mellora dos servizos públicos, co compromiso de acadar seis plans no ano 2027. Estes plans non só contemplan a eliminación de cargas, senón tamén outras melloras, como a redución dos prazos de resolución. Ademais, potenciarase a participación cidadá, incrementando os procesos participativos dos dous actuais aos seis previstos.
No marco da integridade institucional, actualizarase o Código ético no primeiro trimestre de 2026 e elaborarase o Plan de medidas antifraude da Xunta de Galicia, xunto coa culminación dos plans específicos por consellerías.
Por último, o plan inclúe a simplificación da linguaxe empregada na sede electrónica, de xeito que os resumos dos procedementos se redacten cun estilo máis claro e comprensible. O obxectivo é aplicar estas melloras en polo menos o 80 % dos procedementos, aproveitando o uso da intelixencia artificial e de asistentes virtuais para facilitar a comprensión dos requisitos e da documentación necesaria.