A Xunta aproba 11 formularios no marco dos traballos de impulso da Plataforma Urbanística Dixital De Galicia

luns, 8 de xuño do 2026 Redacción

A Xunta aprobou 11 formularios normalizados destinados á solicitude de distintos procedementos relacionados coa tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico. A disposición derradeira cuarta do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia, xa prevía o desenvolvemento normativo posterior dos formularios correspondentes aos procedementos administrativos iniciados por instancia de parte e tramitados ante o órgano autonómico competente en materia de urbanismo.
A Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduciu modificacións no artigo 60 da Lei do solo de Galicia, relativo á tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Como consecuencia desta reforma, o procedemento pasa a iniciarse ante a Dirección Xeral de Urbanismo (DXU) e non ante o órgano ambiental. Esta modificación fai necesaria a creación de novos formularios para a tramitación dos plans xerais e das súas modificacións, así como para determinados instrumentos de desenvolvemento sometidos a avaliación ambiental estratéxica ordinaria que deben seguir o mesmo procedemento.
A mesma norma incorporou tamén un novo artigo 83 bis á Lei do solo de Galicia para regular a corrección de erros nos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados definitivamente pola Xunta de Galicia, o que require igualmente a creación dun modelo normalizado específico.
Xunto a estes formularios, habilítanse outros tres modelos para solicitudes e comunicacións previstas na normativa urbanística galega que ata o momento carecían dun formato estandarizado. O obxectivo é facilitar a presentación electrónica destes trámites sen recorrer ao formulario xenérico empregado nos procedementos que non dispoñen de modelo propio.
Segundo establece o artigo 66 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando a Administración determine modelos específicos para a presentación de solicitudes, o seu uso será obrigatorio para as persoas interesadas.
A incorporación destes formularios enmárcase nos traballos de desenvolvemento da Plataforma Urbanística Dixital de Galicia, impulsada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e desenvolvida pola AMTEGA. Esta ferramenta permitirá realizar de maneira íntegra a tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.
A plataforma posibilitará a realización de todos os procedementos administrativos necesarios para a tramitación do planeamento, incorporando a participación dos distintos axentes implicados. Ademais dos concellos, integrará á Xunta de Galicia, aos organismos responsables da emisión de informes sectoriais e á cidadanía que participe nos procesos de consultas ambientais e información pública.
Tamén ofrecerá acceso público ao estado de tramitación dos expedientes e facilitará a xestión documental, unha funcionalidade especialmente útil para os concellos con menores recursos técnicos e humanos.
A utilización desta ferramenta contribuirá a optimizar a xestión administrativa, mellorar os servizos prestados á cidadanía e incrementar a eficiencia, a transparencia e a seguridade xurídica dos procedementos. Ademais, permitirá reducir os prazos de tramitación, un aspecto especialmente relevante no ámbito urbanístico.
Actualmente está en execución a primeira fase do proxecto, cuxa finalización está prevista para 2027.

Os formularios aprobados son os seguintes:

  • UR300A (Anexo I): Documentación previa para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

  • UR300B (Anexo II): Tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e da súa avaliación ambiental estratéxica.

  • UR301A (Anexo III): Modificación puntual de planeamento xeral que non ten por obxecto a delimitación de solos de núcleo rural e da súa avaliación ambiental estratéxica.

  • UR301B (Anexo IV): Modificación puntual de planeamento xeral que ten por obxecto a delimitación de solos de núcleo rural e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

  • UR301C (Anexo V): Corrección de erros de planeamento xeral aprobado definitivamente pola Xunta de Galicia.

  • UR302A (Anexo VI): Tramitación de plan parcial ou plan especial e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

  • UR302B (Anexo VII): Modificación puntual de plan parcial ou plan especial e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

  • UR303A (Anexo VIII): Delimitación de solo de núcleo rural e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

  • UR303B (Anexo IX): Modificación puntual de delimitación de solo de núcleo rural e da súa avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

  • UR304A (Anexo X): Declaración de procedencia para a ordenación urbanística que afecte a varios municipios.

  • UR305A (Anexo XI): Alegacións a instrumentos de planeamento urbanístico en tramitación promovidos pola Dirección Xeral de Urbanismo.

Os formularios estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia e entrarán en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o 30 de xuño de 2026.