A Xunta aproba por videoconferencia un acordo para impulsar o expediente xudicial electrónico
venres, 30 de marzo do 2012
Esta mañá tivo lugar a sinatura dun convenio de
colaboración entre diversos organismos públicos que marcará un fito importante
na historia do noso país, non só polo contido do convenio en si, que tamén,
senón porque foi asinado de xeito virtual, fixando un exemplo a seguir como
medida aforro de tempo e cartos na Administración pública.
Falamos dun acordo de colaboración que ten como
obxectivo optimizar
o intercambio de información a través das novas tecnoloxías e impulsar o
expediente xudicial electrónico, que foi asinado entre a Consellería de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello Xeral do Poder
Xudicial, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, de quen se
nomeou directora recentemente a Mar Pereira.
O obxectivo final do acordo é
poñer a disposición das oficinas xudiciais galegas o acceso á plataforma de
interoperabilidade do CXPX, denominada Punto Neutro Xudicial, así como toda a
información e servizos que se prestan a través do mesmo, mellorando desa
maneira a eficiencia dos servizos públicos de atención á cidadanía e o propio
funcionamento interno da Administración da Xustiza.
Esta plataforma tecnolóxica, que
foi posta en marcha en 2002, ofrece actualmente 34 servizos e consultas en liña
ás oficinas da Administración de Xustiza, e prevé acadar este ano os 15 millóns
de visitas.
O
titular de Presidencia, Alfonso Rueda, destacou que o acceso á plataforma do
Consello Xeral do Poder Xudicial por parte das oficinas xudiciais galegas “garantirá un nexo dende o que poderán chegar
a toda a información e servizos que se atopan nesta rede e conseguir que os
distintos sistemas informáticos poidan interoperar adecuadamente”.
Nese
sentido, Rueda destacou que un dos obxectivos no ámbito da Administración de
Xustiza debe ser “camiñar cara a
interconexión de todas a sedes xudiciais do Estado” e fixo fincapé no “importante esforzo” que está a facer a
Xunta na liña da modernización da Administración de Xustiza, coa posta en
marcha do Plan Senda.
Como
exemplo deste esforzo citou a implantación de 22 novos sistemas de
videoconferencia nas sedes xudiciais, un dos cales (o situado no Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia) permitiu hoxe a realización en liña do acto.
