A Xunta avanza nos trámites do proxecto do futuro Centro de Formación da Cidade das TIC

martes, 9 de setembro do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia adxudicou e asinou o contrato para a redacción do proxecto básico e de execución destinado á rehabilitación dos edificios da Escola de Formación Profesional e da Clínica da antiga Fábrica de Armas da Coruña, segundo recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Con este paso, o Goberno galego avanza na creación dun novo Centro de Formación autonómico, integrado no complexo da Cidade das TIC e orientado a especialización en novas ocupacións ligadas á transición verde e dixital, en coherencia coas demandas actuais do mercado e co aproveitamento das novas oportunidades económicas, sociais e ambientais.
O contrato, adxudicado por un importe próximo aos 150.000 euros, contempla un prazo de cinco meses para a redacción do proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Transición Xusta. A execución material das obras nos dous inmobles alcanzará un investimento de arredor de 3,5 millóns de euros.
A escola, con 2.258 metros cadrados de superficie, e a clínica, con 395 metros cadrados, son edificacións de mediados do século XX que permanecen sen uso desde hai tempo, polo que precisan dunha intervención integral de rehabilitación e adaptación ás normativas vixentes en materia construtiva, enerxética, medioambiental e de usabilidade.
Segundo o prego de licitación, a reforma da Escola de Formación Profesional incluirá na planta baixa unha zona de recepción e sala de espera, catro espazos formativos de 100 metros cadrados cada un con capacidade para 30 alumnos, un espazo de innovación de 100 metros cadrados, un salón de actos de polo menos 200 metros cadrados, así como zonas de aseos e almacén.
O primeiro andar acollerá outros catro espazos formativos e un segundo espazo de innovación de características semellantes, ademais dunha área de dirección e administración, dependencias para xefatura de estudos e servizos técnicos con capacidade para catro postos cada unha, e novos aseos. O proxecto prevé tamén a incorporación de espazos verdes, de ocio e de descanso.
No caso da antiga clínica, a rehabilitación contemplará un vestíbulo, dous espazos de reunións, catro despachos individuais, aseos públicos e unha zona de almacén.
O proxecto deberá conservar a fachada orixinal dos edificios para manter a súa estética en consonancia coas outras rehabilitacións realizadas no complexo da Fábrica de Armas da Coruña. Así mesmo, deberá garantir unha alta eficiencia enerxética e de climatización, xunto cunha infraestrutura tecnolóxica avanzada que asegure unha conectividade acorde cos futuros usos formativos e innovadores do centro.