A Xunta creará unha academia virtual para facilitar os trámites dos autónomos

xoves, 15 de maio do 2025 Redacción

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou esta tarde no Carballiño a xornada divulgativa para autónomos e comerciantes organizada por APE Galicia. No acto participaron tamén o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e representantes do tecido autónomo e comercial da provincia de Ourense.
Durante o encontro, o titular de Emprego anunciou que a Xunta está a traballar na posta en marcha da futura Academia virtual para autónomos, unha iniciativa destinada a optimizar o rendemento da súa actividade, simplificar os trámites administrativos e fiscais e mellorar a xestión empresarial.
Segundo explicou José González, esta academia será un espazo de aprendizaxe accesible e adaptado ás necesidades específicas do colectivo profesional, proporcionando información e formación continua para acompañalos na comprensión da normativa e en aspectos chave da xestión, como a facturación ou a rendibilidade do negocio. A ferramenta ofrecerá flexibilidade, xa que permitirá acceder aos contidos en calquera momento e aprender ao ritmo de cada persoa. Así mesmo, facilitará a interacción con outros profesionais e o intercambio de experiencias.
O conselleiro sinalou que esta medida é resultado das achegas realizadas polas organizacións representativas na Mesa do autónomo, espazo de diálogo e consenso co sector. Tamén a enmarcou dentro da aposta da Xunta por actuar como administración facilitadora e por promover a colaboración público-privada para impulsar a actividade e competitividade dos autónomos.
Nesta liña, lembrou a convocatoria unificada de axudas para o colectivo, dotada con máis de corenta millóns de euros e aberta ata o 30 de setembro. As persoas interesadas poden consultar dúbidas a través dun chatbot con intelixencia artificial dispoñible na Oficina virtual do emprego autónomo.
Finalmente, José González subliñou que Galicia aposta por fortalecer a súa vocación emprendedora. Proba diso son os trinta e dous millóns de euros destinados este ano a reforzar este eido e o traballo da Rede de polos de emprendemento, con quince oficinas distribuídas por todo o país, que desde a súa creación en xullo de 2022 levan atendido preto de catro mil proxectos de diferentes sectores, arredor de setecentos trinta deles na provincia de Ourense.