A Xunta defende o papel da Administración na democratización da tecnoloxía

luns, 26 de maio do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia está a consolidar o seu papel como axente transformador no ámbito dixital, segundo destacou hoxe o director da AMTEGA, Julián Cerviño, durante a inauguración do XI Congreso Internacional de Privacidade na Coruña, organizado pola Asociación Profesional Española de Privacidade (APEP).
Durante o seu relatorio, Cerviño puxo en valor a responsabilidade das administracións públicas para garantir o acceso seguro e equitativo ás tecnoloxías, ao tempo que se respectan os dereitos das persoas, nomeadamente no eido da intelixencia artificial. Subliñou tamén o compromiso do Goberno galego co regulamento europeo da IA, apostando por un equilibrio entre seguridade xurídica, protección de datos e competitividade empresarial, contribuíndo así á soberanía dixital europea.
O director da AMTEGA fixo referencia á Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, pioneira no contexto rexional europeo, salientando que inclúe medidas específicas para garantir a privacidade, como a obrigatoriedade de contar con comisionados de IA en cada departamento da Administración. Estes comisionados serán os encargados de velar polo cumprimento dos principios éticos e legais, e de canalizar as queixas ou suxestións da cidadanía.
Ademais, todos os sistemas de IA empregados pola Administración deberán presentar un informe de proxecto que inclúa unha avaliación de impacto e un Plan de Xestión de Datos, que será revisado pola Oficina Galega de IA.
A xornada contou coa participación de representantes da Comisión Europea, da Axencia Española de Protección de Datos, da Confederación Europea de Organizacións de Protección de Datos, así como de empresas como Inditex e expertos do ámbito académico. O congreso céntrase nos desafíos que presenta a integración da intelixencia artificial no marco da normativa de protección de datos persoais.