A Xunta destina máis de 5 millóns de euros á modernización de centros de maiores e de atención á discapacidade
luns, 22 de xuño do 2026
O Consello da Xunta autorizou a sinatura de cinco convenios da Consellería de Política Social e Igualdade con catro entidades que desenvolven o seu labor no ámbito da atención ás persoas maiores e con discapacidade: Amicos, Prodeme, a Fundación San Rosendo e a Fundación Benéfico-Asistencial Valdegodos. Estes acordos contan cun investimento global de 5,1 millóns de euros destinado á modernización tecnolóxica dos servizos que prestan estas organizacións, así como á construción de vivendas adaptadas e dun novo centro ocupacional.
A colaboración con Amicos permitirá reforzar a capacidade tecnolóxica desta entidade do Barbanza dedicada á atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise cerebral e dano cerebral. A Xunta achegará preto de 600.000 euros para equipar a ampliación do fogar residencial e adquirir material informático, dispositivos móbiles, recursos audiovisuais, sistemas de videoconferencia e pantallas interactivas accesibles.
O convenio tamén contempla a incorporación de tecnoloxías de robótica aplicadas ás terapias de rehabilitación física, estimulación cognitiva e adestramento sensoriomotriz, ademais da actualización e ampliación das salas e dos sistemas de estimulación multisensorial.
No ámbito da discapacidade, tamén se aprobou un convenio coa Fundación San Rosendo por importe de algo máis dun millón de euros para dotar os seus centros de novo equipamento tecnolóxico. Entre o material previsto figuran recursos de apoio ás actividades da vida diaria, así como camas eléctricas, guindastres e padiolas hidráulicas destinadas ao descanso e mobilización dos usuarios.
