A Xunta destinará 7,6 millóns de euros en 2023 para os centros tecnolóxicos galegos

martes, 25 de outubro do 2022 Redacción

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou esta mañá a Atiga que a Xunta de Galicia destinará nos orzamentos de 2023 un total de 7,6 millóns de euros para apoiar os nosos centros tecnolóxicos.
O vicepresidente económico recibiu ao novo director de Atiga, Jesús Lago, ao que agradeceu que este centro comparta coa Administración autonómica a filosofía de colaborar para innovar. Isto convérteo nun aliado estratéxico dos principais sectores industriais de Galicia como a automoción, o naval, o aeronáutico ou o enerxético.
Tal e como explicou Conde, os centros tecnolóxicos son unha peza clave na política de I+D+i e na transformación dixital da industria galega polo que a Xunta seguirá apoiándoos a través dos contratos programa e de axudas para o seu crecemento e fortalecemento. Conde lembrou tamén que ademais destas axudas específicas, os centros tecnolóxicos teñen acceso, tanto directa como indirectamente, a practicamente toda a carteira de axudas da Axencia Galega da Innovación.
A Xunta está apoiando estes centros co obxectivo de garantir a súa competitividade a través de financiamento estable para gastos estruturais e de funcionamento, así como para a mellora das súas infraestruturas e equipamentos. O obxectivo final é incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas ao mercado.