A Xunta e AGAL enchen as redes de contidos sobre as Letras e Carvalho Calero
xoves, 14 de maio do 2020
O Día das Letras Galegas 2020 será algo máis ca
unha simple celebración da nosa cultura: será unha mensaxe
universal de ánimo, unión, fraternidade e galeguidade. Ao carácter
sen fronteiras e inclusivo da festividade contribuirán dous grandes
elementos: o gran compoñente virtual da conmemoración (cun amplo
programa de actividades a celebrar nas redes) e o elemento
transfronteirizo do pensamento do autor homenaxeado este ano, o
ferrolán Ricardo Carvalho Calero, alma mater da recuperación
e posta en valor da cerna común galego-lusófona. Estes
son os grandes alicerces da alianza formalizada entre a Consellería
de Cultura e a a Associaçom Galega da Língua (AGAL), que
presentaron hoxe un amplo programa común de actividades, as da
Semana das Letras Galegas, que inclúe proxectos divulgativos da
figura, vida, obra e traxectoria de Ricardo Carvalho Calero.
A axenda foi presentada esta quinta feira, 14 de
maio, nun encontro dixital organizado pola AGAL, no que participaron
o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o
director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, acompañados
do presidente da AGAL, Eduardo S. Maragoto. O encontro dixital contou
tamén coa participación do director de Ouvirmos, Xosé Aldea.
Segundo fixeron saber, ao abeiro desta
colaboración vén a luz a web Carvalho
Calero 2020, nas súas versións oficial adaptada á norma
ILG-RAG e tamén á de AGAL; o avance do proxecto expositivo A voz
presente, á “espera de que as circunstancias motivadas pola
COVID-19 permitan o arranque da itinerancia prevista en varios puntos
de Galicia e en Portugal”; as unidades
didácticas dirixidas ao ensino primario e secundario coordinadas
por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por
Uxio Outeiro; as guías de lectura de Scórpio elaboradas por
Susana
Sanches Arins e Teresa
Crisanta V. Pilhado; e materiais audiovisuais.
A voz presente, avance online
Ademais dos materiais didácticos, escolares e
divulgativos de Carvalho Calero pendurados no Portal da Lingua Galega
e na campaña #aculturasegue, no que se poden consultar en aberto a
biografía e obra do autor, fotografías e traxectoria, a web da
Consellería de Cultura e Turismo ofrece un avance dos contidos, en
formato dixital, que configuran o proxecto expositivo A voz
presente. A mostra institucional conmemorativa das Letras Galegas
2020 está promovida pola AGAL en colaboración coa Consellería de
Cultura e Turismo, e comisariada polos profesores Carlos Quiroga e
Xosé Luís Rodríguez e deseñada e producida por Ouvirmos S.L., cos
obxectivos de difundir a dimensión artística, humana e lingüística
de Ricardo Carvalho Calero e de poñer en valor e “resituar a súa
figura e o seu legado”. A exposición percorrerá ata decembro
diferentes recunchos da nosa xeografía e tamén do país irmán,
onde fará unha recalada no Concelho de Viana do Castelo (Portugal),
coa colaboración do eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, en canto
as restricións o permitan e baixo dobre formato, amplo, con
exhibición nos concellos de Ferrol e Santiago de Compostela, e
reducido, con paradas en concellos da Rede de Dinamización
Lingüística, bibliotecas nodais e Museu do Traje (Concelho de Viana
do Castelo, Portugal). Os paneis expositivos e o folleto explicativo
pódense descargar en
Lingua.gal.
Materiais didácticos
Segundo se fixo saber este 14 de maio, tamén
están dispoñibles nas mesmas páxinas de Internet as unidades
didácticas deseñadas pola AGAL en colaboración coa Consellería de
Cultura e Turismo e coa Deputación da Coruña, coordinadas por
Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio
Outeiro coa finalidade de divulgar a figura de Carvalho Calero entre
a comunidade educativa, en especial entre o profesorado de galego e
de portugués de todos os niveis do ensino público non
universitario.
Baixo os títulos
Á descuberta de Carvalho Calero,
de Bernardo Penabade; Carvalho Calero e a literatura
e Carvalho Calero e a lingua,
ambas as dúas de Marisa Moredo Leirado, e Carvalho Calero
para o ensino primario, de Laura
García Diaz, faise un percorrido pola vida e a obra do autor, cunha
detallada cronobiografía e diversas tarefas que teñen como
obxectivo salientar o seu papel como estudoso da literatura galega,
docente e lingüista.
Scórpio
Os materiais didácticos inclúen dúas guías de lectura da novela Scórpio, a derradeira obra publicada en vida de Carvalho Calero, en 1987, e, segundo salientaron no acto desta quinta feira, “a máis carismática do autor”, asinadas por Susana Sanches Arins e Teresa Crisanta V. Pilhado. Para alén de apoiar estas iniciativas de divulgación social promovidas pola AGAL, a Consellería de Cultura e Turismo apoia a edición dos títulos conmemorativos do ferrolán impulsados polo seu selo editorial Através Editora, Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra e Scórpio, así como o acto de lectura pública desta segunda obra, previsto inicialmente para o 16 de maio mais adiado ata que a situación derivada pola pandemia permita celebralo en condicións óptimas de garantías sanitarias.
