A Xunta e o CPEIG humanizan as estadías da rapazada hospitalizada con obradoiros de robótica

martes, 25 de xuño do 2024 S. P.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, asinaron este 25 de xuño un convenio de colaboración para a posta en marcha de obradoiros de robótica e programación destinados a nenas e nenos hospitalizados.
En total desenvolveranse 14 obradoiros, dous por cada área sanitaria, nos que están previstas actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de ordenador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.
Como sinalou o conselleiro de Sanidade “este convenio asínase coa vontade de que estas actividades sexan unha distracción positiva para os cativos ingresados, contribuíndo así á súa recuperación emocional e mental”.
Pola súa banda Fernando Suárez indicou que os obradoiros “permitirán utilizar elementos non tecnolóxicos para coñecer as leis da física e da informática, como é a condutividade, por exemplo, usando froitas e verduras para facer música grazas a pequenos microchips”.
Con estas actividades interactivas e prácticas, engadiron, “proporcionarase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente, contribuíndo a facer o ingreso hospitalario máis levadío, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para os rapaces e para as súas familias”.
Tamén fixeron saber que estes obradoiros “están pensados para ser desenvolvidos en grupo e favorecer a interacción social”, aínda que tamén están previstas sesións virtuais no caso de pacientes que non poidan participar fisicamente nos xogos.
As actividades serán impartidoa por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destinará 11.500 euros á adquisición do material necesario.
Ao acto de sinatura do convenio tamén asistiron, como centro directivo promotor da iniciativa, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistema e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón.

PUBLICIDADE