A Xunta investirá máis de 43 millóns no proceso de dixitalización da Administración de Xustiza

xoves, 27 de xaneiro do 2022 Anxo Sesto

O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, indicou este xoves 27 de xaneiro que a Xunta de Galicia investirá no III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza (Senda 2025) máis de 43 millóns de euros, unha contía que supera nun 68% os orzamentos dos dous plans anteriores (Senda 2014 e Senda 2020). O obxectivo é seguir dando pasos no proceso de dixitalización da Xustiza.
Segundo dixo, o III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza garantirá a comunicación telemática coa Administración de Xustiza de calquera cidadán implicado nun proceso xudicial. Na liña de continuar avanzando no proceso de dixitalización, ampliarase o sistema de autenticación (Chave365 ou Cl@ve) e a posibilidade de citas online, amais de incorporarse novos servizos na Sede Xudicial Electrónica.
O presidente engadiu que co obxectivo de que en 2023 todas as salas de vistas galegas “sexan dixitais2, implementaranse nas 7 grandes cidades galegas salas específicas que garantan a privacidade das declaracións de testemuñas vulnerábeis (Salas Gesell).
Por outra banda, no que respecta aos traballadores e traballadoras, prevese a creación dunha plataforma que virtualizará os postos de traballo, garantindo o acceso do persoal á información dende calquera lugar e de forma segura.
Feijóo tamén destacou a importancia de continuar coa formación en competencias dixitais e de “garantir a ciberseguridade da información xudicial dixitalizada, así como poder previr posíbeis problemas de seguridade”.

PUBLICIDADE