A Xunta presenta na Pont-Up Store un xogo de emprendemento

venres, 20 de setembro do 2024 S. P.

Este venres 20 de setembro inaugurouse en Pontevedra a nova edición (a 11ª) do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store 2024, organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store (Campus de Pontevedra, UVigo). A cita, apoiada polo Concello, a Deputación e a Xunta, entre outras entidades, contou coa presenza do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, que entregou os galardóns da 1ª convocatoria de premios a traballos de fin de grao e de fin de mestrado e a teses de doutoramento en temáticas relacionadas co emprendemento (Xunta-UVigo) e presentou o Xogo do emprendemento dirixido a alumnado de ESO, co gallo de animar ás novas xeracións a crear os seus propios negocios.
Esta última iniciativa enmárcase no posto do evento que dará a coñecer -entre outros- o labor da rede de polos de emprendemento e que contará con actividades organizadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coas de Economía e Industria e de Política Social e Igualdade.
En concreto, no posto da Xunta resolveranse -entre outras- dúbidas sobre os polos de emprendemento, ademais da dinamización, xogos e presenza de persoas emprendedoras beneficiarias da rede, para expor e presentar os seus produtos ou servizos. Canto ás actividades do Goberno autonómico, ademais do xogo do emprendemento mencionado, haberá unha xornada de networking e unha mesa redonda sobre axudas do ecosistema emprendedor, entre elas as axudas de emprendemento feminino do Programa EMEGA da Consellería de Política Social e Igualdade, que ten activo o prazo de solicitude ata o próximo 27 de setembro.
No acto, o secretario xeral referiuse ao Pont-Up Store como un referente para proxectos emprendedores, tanto do ámbito urbano como do rural. A cita, destacou Fernández, contribúe a promover a cultura do emprendemento e favorece un espazo de relación e intercambio de experiencias.
Programa Ultreia
Precisamente no marco da aposta pola creación de novos negocios e o desenvolvemento de proxectos innovadores, Pablo Fernández lembrou que o próximo 25 de setembro chegará a Pontevedra o programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Desenvolvido pola Xunta en colaboración coas confederacións empresariais provinciais e galega, o programa Ultreia promoverá encontros de emprendemento nas catro provincias coa participación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras de distintos sectores estratéxicos e 16 casos de éxito. Sinalou que o proxecto “busca incentivar aos emprendedores e axentes do ecosistema a impulsar a súa actividade creando sinerxías e identificando retos para atopar solucións conxuntas”.