A Xunta proba a fondo unha innovadora tecnoloxía que axiliza a busca de persoas extraviadas: DroneFinder

xoves, 29 de agosto do 2024 S. P.

Indra, Aeromedia e o Instituto Tecnolóxico de Galicia puxeron a disposición da Xunta, a través do programa autonómico de emprendemento Civil UAVs Initiative, unha innovadora tecnoloxía que permite reducir os tempos de busca de persoas desaparecidas e que combina o emprego de vehículos non tripulados e Intelixencia Artificial: a tecnoloxía DroneFinder. O Goberno galego lembrou que está a ser pioneiro no uso desta solución, que xa foi testada na nosa terra en diferentes escenarios e casos de uso, en zonas periurbanas, rurais e costeiras, nun total de 11 misións de localización e busca, nas que se contou coa colaboración da Axencia Galega de Emerxencias - AXEGA e de membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.
Como dixemos, este sistema de xestión de busca de persoas extraviadas foi desenvolvido por Indra, pola peme Aeromedia e polo Instituto Tecnológico de Galicia. Xa se teñen rexistrado demostracións de interese doutras Administracións e entidades sobre esta tecnoloxía, que foi presentada en feiras e eventos sectoriais como DRONExpo, UNVEX ou Xponential e que está preparada para integrarse nos sistemas doutros servizos de emerxencias, sanidade ou forzas de seguridade.
Esta tecnoloxía desenvolvida ao abeiro do programa Civil UAVs Initiative proporciona recursos para buscar e localizar a persoas por diferentes medios: mediante a comunicación do dron cun localizador nun reloxo, un detector de teléfonos móbiles ou analizando o vídeo das cámaras integradas nos vehículos non tripulados, que avalían de forma automática e en tempo real grandes volumes de imaxes recollidas por cámaras de vídeo duais. Ademais, o sistema permite lanzar un aviso directo aos equipos de emerxencias, reducindo os tempos de resposta e optimizando os recursos empregados nos operativos de busca.
A Xunta explicou que o obxectivo final é localizar a persoas extraviadas no menor tempo posíbel, xa que, para o éxito destas operacións, as primeiras 48 horas son vitais, especialmente en casos de persoas con deterioro cognitivo, enfermidades neurodexenerativas ou de persoas con discapacidade.
O Goberno galego tamén lembra que o programa de Solucións da Civil UAVs Initiative está enfocado a desenvolver ata a súa plena operatividade produtos ou servizos baseados en sistemas non tripulados e outras tecnoloxías para a súa aplicación en servizos públicos específicos, dando resposta a retos identificados previamente por diferentes departamentos da Xunta de Galicia.
Desde a posta en marcha da Civil UAVs Initiative en 2014 ata a actualidade téñense adxudicado un total de 12 contratos, dos cales 5 xa se despregaron nos servizos públicos e outros dous están en proceso de ser incorporados a diferentes departamentos da Xunta.