A Xunta publica a licitación do contrato de servizo da rede de telecomunicacións da sanidade pública

xoves, 13 de xuño do 2024 Redacción

A Xunta publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación do contrato centralizado, para os vindeiros 3 anos, do servizo da rede de telecomunicacións da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde por un importe de 38.156.382 euros.
Esta rede de telecomunicacións é hoxe en día unha ferramenta básica na prestación de servizos sanitarios e nas comunicacións coa cidadanía. Así, o novo contrato divídese en cinco lotes: rede de datos, voz e móbil; acceso á internet; mantemento do equipamento hardware; xestión e transformación de rede; e servizo de operacións de ciberseguridade.
A esta rede de conexión de datos e de comunicacións de voz están conectados máis de 40.000 usuarios e máis de 24.000 ordenadores en 642 centros, ademais de servizos que precisan acceso en mobilidade como ambulancias, unidades móbiles de doazón de sangue ou equipos de hospitalización a domicilio.
O ano pasado foron xestionadas 32 millóns de citas de atención primaria, 11 millóns de citas de atención hospitalaria, 71 millóns de receitas dispensadas electronicamente e 30 millóns de visitas á páxina web do Servizo Galego de Saúde. Inclúese neste servizo o envío de SMS, estimándose o envío de case 38 millóns mensaxes nos próximos 3 anos, cos que se facilita a comunicación coa cidadanía en campañas tan relevantes como as relacionadas co calendario de vacinación.
Con este contrato, faise posible o acceso á historia clínica electrónica, imaxe médica ou a receita electrónica. Desta forma, a Xunta contribúe á simplificación do traballo do persoal da sanidade pública galega grazas ás tecnoloxías da información.
O Servizo Galego de Saúde conta tamén con servizos antispam e para evitar tráfico ilexítimo que pretenda saturar o sistema.
O novo contrato inclúe aumentos e melloras, tanto en capacidade de rede como en seguridade debido ao crecemento en volume dos datos manexados, aos novos sistemas de información conectados e aos riscos cada vez maiores no que atinxe á ciberseguridade. Ademais, permite aforros como a inclusión dun 5% de liñas para centros novos sen custo adicional, como a telefonía precisa para o Novo Hospital de Montecelo e o novo edificio hospitalario de Ourense.

Novo centro de ciberseguridade do Servizo Galego de Saúde

Este contrato recolle como novidades a creación dun servizo de transformación de rede para atender novas demandas e dun centro de operacións de ciberseguridade para mellorar a prevención e detección de ameazas informáticas.
En concreto, o novo servizo de transformación da rede dará soporte a sistemas que faciliten a transformación dixital da sanidade galega con proxectos de Big Data, intelixencia artificial ou a integración de dispositivos médicos conectados á internet. Deste xeito, mellorarase o procesamento e depuración dos datos para obter coñecemento e toma de decisións no ámbito do Sergas e optimizaranse procesos asistenciais e de interacción co paciente.
Coa creación dun centro de operacións de ciberseguridade o Servizo Galego de Saúde contará cun centro de alerta das ameazas de seguridade que potencialmente afecten á plataforma sanitaria e daráselles resposta rapidamente. O centro é un servizo baseado en intelixencia artificial co que se dará cumprimento aos requisitos da certificación de nivel alta que a sanidade pública galega conseguiu do Esquema Nacional de Seguridade. Este centro prestará servizos de prevención (ampliando o coñecemento respecto das vulnerabilidades da entidade, tanto técnicas como humanas), protección (aplicando medidas de bloqueo para impedir ou limitar os ciberataques), detección (observando todo o que ocorre na entidade para buscar as ameazas existentes) e resposta (actuando ante os ciberincidentes para minimizar o impacto sobre a entidade).
Ambos os dous proxectos están cofinanciados pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.
Ademais, o contrato prevé seguir xestionando os centros de proceso de datos que o Servizo Galego de Saúde ten en Conxo e na Cidade da Cultura.