A Xunta ultima coa comisión redactora a Lei de educación dixital

mércores, 25 de febreiro do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa comisión encargada de redactar a futura Lei de educación dixital co obxectivo de avanzar na definición do seu contido definitivo tras un amplo proceso participativo. A norma aspira a converterse nun texto lexislativo pioneiro, ao non existir no ámbito estatal unha lei específica destas características.
O responsable autonómico destacou a complexidade técnica da iniciativa, dado o seu carácter innovador e a súa incidencia directa nun ámbito tan sensible como é o uso da tecnoloxía no sistema educativo. Segundo sinalou, isto esixe un traballo previo «rigoroso, solvente e dialogado». Para a súa elaboración contouse coa colaboración de expertos de recoñecido prestixio, así como de arredor de medio cento de docentes e colectivos profesionais que representan profesorado especializado en distintos ámbitos. Nos últimos meses tamén se mantiveron reunións con representantes das ANPAS, organizacións sindicais, universidades e centros educativos, a través da Xunta Autonómica de Directores e do Consello Escolar de Galicia.
Deste xeito, a Lei de educación dixital de Galicia entra na súa fase final antes do inicio da tramitación parlamentaria, prevista para finais deste semestre. O texto establecerá o marco de dereitos e deberes da comunidade educativa (administracións públicas, centros, docentes, alumnado e familias) ante os novos retos derivados da transformación social que impacta no ensino.