A Zona Franca de Vigo revalida o seu apoio ao congreso New Space España que Vigo acollerá en setembro

luns, 12 de xaneiro do 2026 S. P.

A Zona Franca de Vigo volverá apoiar a celebración do congreso New Space España, organizado pola firma local Alén Space, que no vindeiro mes de setembro converterá de novo á cidade no epicentro da industria española aeroespacial reunindo a startups, empresas consolidadas e institucións líderes do sector.
Nun encontro mantido por David Regades co director xeneral de Alén Space, Guillermo Lamela, o delegado do Estado no Consorcio confirmou a colaboración de Zona Franca coa cuarta edición deste evento bienal, que porá o foco na análise das novas tendencias e desafíos do sector espacial, ademais de volver contar como factor clave con actividades de networking entre participantes e asistentes.
David Regades destacou que “desde Zona Franca temos que estar neste congreso porque o noso compromiso co aeroespacial é claro. Supón innovación, tecnoloxía, riqueza e emprego de calidade e de alto valor engadido, e temos un HUB moi potente en Porto do Molle que vai seguir crecendo”.
O delegado puxo en valor o salto exponencial que o sector aeroespacial deu en Vigo e Galicia “grazas ao impulso do Consorcio que apostou por esta industria desde o talento e o emprendemento, e creando incubadoras e aceleradoras orientadas ás tecnoloxías aeroespaciais que supuxeron o nacemento de iniciativas agora xa plenamente consolidadas e recoñecidas internacionalmente”. Insistiu en que “falamos dun sector estratéxico que está a posicionar a Vigo con empresas que agora mesmo son referentes e con produtos homologados pola NASA como Alén Space, Kreios, UARX, ou Vig Sec Drone, e financiados mesmo polo Fondo de Innovación da OTAN”.
Pola súa banda, Guillermo Lamelas, explicou que “New Space España naceu coa vocación de ser un punto de encontro real para toda a cadea de valor do sector espacial en España e catro edicións despois segue crecendo como un espazo de diálogo, colaboración e xeración de oportunidades”. O director xeneral de Alén Space fixo fincapé na importancia “do apoio da Zona Franca de Vigo para consolidar o congreso como un evento de referencia e para seguir impulsando a colaboración entre institucións e empresas”.
O congreso New Space España 2026, que se celebrará os días 24 e 25 de setembro, é un evento pioneiro e consolidado que volverá presentar os grandes proxectos da industria espacial española e a súa cadea de valor, mediante conferencias, mesas redondas e actividades de impulso do emprendemento.