A aceleradora Conector Galicia abre a súa primeira convocatoria

xoves, 6 de abril do 2017 Redacción

Lalo García, director de Conector Galicia, durante a presentación da súa alianza con ABANCA

A aceleradora de novas firmas innovadoras Conector Startup Accelerator vén de dar máis pasos a prol do seu afianzamento pleno e activo na nosa terra, logo do primeiro anuncio da súa aposta galega, do que dimos conta en Código Cero o pasado mes de novembro. Segundo informaron hoxe os impulsores de Conector Galicia (entre os que se atopa un socio local, Lalo García, fundador de propostas de innovación tan salientábeis como Lancetalent, Knowledge Investors e a plataforma de préstamo de libros electrónicos Xebook), a iniciativa vén de abrir a súa primeira convocatoria (até o 15 de maio) para o programa de aceleración de seu. Conector Galicia convértese deste xeito e coa colaboración da Xunta nunha nova aceleradora dentro da Rede de Aceleradoras de Galicia.
A súa actividade centrarase na procura de novas firmas innovadoras (start-ups) tecnolóxicas en fase semente (fase seed) e “con potencial de medre e cun equipo formado”. O programa pasa por poñer en marcha a fase de aceleración no mes de xuño. “Buscamos proxectos co equipo formado e o líder claro, startups con potencial de evolución e de internacionalización”, sinala o equipo impulsor de Conector Galicia, engadindo que a partir do 15 de maio, data de peche do prazo para a recepción de propostas, preseleccionaranse os proxectos que logo serán presentados ante os mentores de Conector no Startup Day, evento privado onde os socios e mentores votarán e elixirán as propostas que merecen entrar no programa de aceleración propiamente dito.
Durante os 5 meses que dura a dita fase de impulso, os emprendedores seleccionados recibirán unha serie de servizos que lles permitirán acelerar o seu crecemento. Nun plano máis específico, as novas firmas que entren en Conector Galicia recibirán charlas de formación, espazo de co-working de balde, apoio por parte de profesionais, entrada ao ecosistema emprendedor estatal, acceso á rede de investidores de Conector e ao asesoramento do seu board de mentores (“formado”, en palabras dos responsábeis da palestra empresarial, “polos mellores profesionais do sector dixital galego e español”. O programa culminará co Demo Day, un evento privado no que os emprendedores terán a posibilidade de presentar a súa proposta diante dos investidores e os business angels.

Colaboración con Abanca

Como recordaremos, o pasado mes de febreiro o centro Abanca Innova recibiu formalmente no seu programa de aceleración a Conector Startup Accelerator.
Froito disto é o Programa de Aceleración Abanca Innova by Conector, que procurará apoiar e acelerar o crecemento de proxectos en fase semente de sectores vencellados á banca (fintech, insurtech, regtech, Big Data, blockchain...) e aplicará a metodoloxía Conector de xeito presencial, estando aberta a recepción de solicitudes para participar neste programa que botou a andar o 20 de marzo. As startups seleccionadas recibirán até 20.000 euros a través dun préstamo participativo, beneficiándose tamén os proxectos acelerados das axudas das empresas colaboradoras da aceleradora, terán acceso á rede de networking de Conector, recibirán charlas de formación semanais e terán un panel de mentores de seu, formados por expertos en diferentes áreas.

PUBLICIDADE